Inicio
Actualidade

Ao día!

28/09/2023

Elmega, solucións personalizadas para explotacións gandeiras

Comparte este artigo

A historia de éxito de Elmega e a evolución tecnolóxica do sector lácteo poden resumirse no intercambiador de calor para arrefriar o leite, o produto que deseñaron hai 30 anos e revolucionou o proceso de produción das pequenas ganderías. Na actualidade exportan a máis de 40 países en todo o mundo

 

Elmega seguiu unha traxectoria de innovación e evolución non só na adaptación e mellora dese produto inicial, senón desenvolvendo unha ampla gama de produtos e solucións personalizadas para as explotacións gandeiras de todo o mundo, como son o deseño e configuración dos cortellos, o sistema de muxido e arrefriado do leite e o tratamento de xurros, garantindo a operatividade completa da gandería.

Desde Elmega presumen da localización no corazón da comarca do Xallas, en Santa Comba, unha das zonas gandeiras máis importantes de Galicia, o que lles permitiu desde o seu inicio en 1976 estar en contacto cos produtores para coñecer as súas necesidades e inquietudes. E esta é precisamente a principal vantaxe competitiva da empresa cuxos produtos están presentes en máis de 40 países de todo o mundo.  

“O cliente final está completamente incorporado no proceso de deseño e fabricación. Á hora de deseñar un produto sempre temos en conta os requisitos e necesidades dos gandeiros. Unha vez finalizado un novo prototipo, probámolo nunha granxa real”, explica Soraya Otero, directora da área de exportación de Elmega.

Innovación ao servizo das ganderías

Elmega utiliza tecnoloxía punta en todos os procesos de fabricación e o seu parque de maquinaria está en constante renovación para manter o nivel competitivo requirido no seu sector.

“O principal beneficio que os nosos produtos achegan ás granxas é a comodidade e a calidade de vida. Os nosos produtos completamente automatizados axudan a que o traballo do gandeiro sexa moito máis cómodo e levadeiro, gañando en calidade de vida, sen esquecernos nunca tamén da comodidade e seguridade dos animais”, afirma Soraya Otero.

Concellos emprendedores

Santa Comba é un dos 153 concellos emprendedores de Galicia. Estes municipios contan con máis incentivos fiscais, simplificación administrativa e máis facilidades de acceso a chan industrial para empresas e emprendedores. 

A Xunta contempla axudas ás empresas, autónomos ou entidades sen ánimo de lucro, destinadas á implantación e ao funcionamento das iniciativas empresariais en Galicia, cuxos proxectos se desenvolvan nun concello emprendedor.

Infórmate sobre os concellos emprendedores de Galicia.

Tamén pode interesarche