
Ao día!

Entrevista a Andrés Fernández, CEO do Grupo Zendal
Zendal é un grupo biofarmacéutico galego que aglutina oito empresas enfocadas na saúde humana e animal, abarcando desde a investigación, desenvolvemento, fabricación e comercialización de vacinas, fármacos e probióticos.
Con máis de 30 anos de traxectoria, Zendal é unha das empresas galegas de referencia internacional no campo da biotecnoloxía. Sobre que piares estratéxicos se logrou este posicionamento no mercado?
Desde os seus comezos en 1993 os piares do grupo Zendal son a aposta por I+D+i ao que destinamos un 11% do noso orzamento anual, a tecnoloxía e capacidade produtiva biofarmacéutica que fomos ampliando e sofisticando ao longo da nosa traxectoria, a internacionalización da nosa actividade e moi importante contar cun equipo cualificado con profundo coñecemento técnico.
Apostan polo concepto de “one health” no que saúde humana e animal son interdependentes. En que se materializa esta filosofía na súa estratexia científica e empresarial?
Cando falamos de One Health falamos dunha visión holística da saúde que debe considerar todos os elementos responsables das patoloxías: saúde humana e animal, ecosistemas, ambiental, así como os factores sociais, culturais e económicos. Neste sentido, é a prevención de enfermidades por medio de vacinas e biolóxicos clave para manter o equilibrio tanto na saúde humana e animal, a sustentabilidade do sistema sanitario e a rendibilidade das explotacións gandeiras. Aínda que os nosos inicios eran de saúde animal, co proxecto da vacina da tuberculose, MTBVAC, penetramos no campo de saúde humana en 2008 debido ao noso liderado en micobacterias. Doutra banda, temos ampla experiencia e coñecemento en vacinas para enfermidades zoonóticas, infecciosas, bacterianas e víricas.
En Zendal traballamos en afrontar os grandes desafíos da saúde global, como vivimos coa recente pandemia da covid-19 na que decidimos colaborar de forma activa por medio da nosa capacidade técnica e produtiva biotecnolóxica.
Como di, os proxectos relacionados coa covid-19 foron clave nos últimos anos da compañía. Cales son actualmente os proxectos de I+D prioritarios de Zendal?
Zendal ten como un dos proxectos estrela a vacina contra a tuberculose, MTBVAC, actualmente en fase 3 de ensaios clínicos en bebés e que pode xogar un papel relevante na futura erradicación da tuberculose no marco da meta 3.3 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
En paralelo, en Zendal estamos a traballar en varios desenvolvementos de vacinas, tanto de saúde humana como de saúde animal, produtos farmacolóxicos e novos probióticos para diferentes patoloxías.
Doutra banda, traballamos noutros proxectos con terceiras compañías a nivel internacional para diferentes vacinas e zoonoses. Tamén estamos a acometer unha nova fase do noso plan estratéxico tras un período intenso de compras e crecemento con varias plantas biofarmacéuticas de saúde humana e animal ao longo de España e norte de Portugal, que nos posiciona como un grupo con capacidade produtiva a gran escala de vacinas.
Como valora a situación actual do ecosistema biotecnolóxico galego e cal cre que é a súa capacidade transformadora sobre a economía e a sociedade?
A pandemia puxo en valor á industria biotecnolóxica, pero Galicia xa era un polo relevante en España. A capacidade transformadora do sector biofarmacéutico caracterízase pola súa alta capacidade para xerar novas oportunidades de crecemento económico e coñecemento, creando un emprego de alta calidade á vez que protexe, coida e alonga a vida das persoas e animais.
Que papel tractor xogan as compañías consolidadas como Zendal fronte ás de nova creación neste ecosistema?
Non hai que esquecer que os avances no benestar social están, na súa maioría, apoiados por extraordinarios desenvolvementos científicos e tecnolóxicos, cuxa única razón de ser é a constante procura de mellores estándares de vida. Niso radica o poder transformador da innovación na saúde. E Zendal quere ser un actor relevante no campo da saúde global. Por unha banda, empresas como Zendal exercemos ese efecto tractor para atraer proxectos de innovación, empresas e tecnoloxía, xerar emprego de calidade, favorecer o crecemento rexional e enriquecer o coñecemento e, por outra banda, tamén é o noso labor participar de forma activa e ter voz neste ecosistema.
Desde 2019 convocan os International Zendal Awards á investigación biotecnolóxica, transferencia de coñecemento e innovación social. Cal é o obxectivo desta convocatoria?
Os premios Zendal nacen para poñer en valor a ciencia e o ecosistema no seu conxunto. Para dar visibilidade á innovación e os seus actores, os científicos, tanto consolidados como noveles. Cos premios Zendal queremos poñer en valor a parte humana e o sacrificio persoal que hai detrás das carreiras científicas en prol da saúde e o avance.
Cada ano por medio dun comité científico externo os Internacional Zendal Awards elixen dous proxectos gañadores pola súa contribución ao campo da saúde humana e animal dotados con 40.000 e 25.000 euros, respectivamente.