
Ao día!

Impulsando o emprendemento en Galicia
A Rede de polos de emprendemento traballa para impulsar e consolidar proxectos de emprendemento que teñan unha vinculación coa súa contorna.
O seu obxectivo é actuar como centros de dinamización dos territorios nos que se asentan, sendo foros de interlocución que permitan recoller as demandas da súa poboación e dar resposta desde a Administración coa colaboración do sector privado.
A iniciativa está dirixida a todo o tecido emprendedor, tanto as persoas que estean valorando o emprendemento como unha alternativa laboral ou teñan unha idea que aínda non botaron a andar, como as que xa teñen un proxecto en marcha pero queiran seguir aprendendo e mellorando.
A Rede de polos ofrece acompañamento e unha metodoloxía validada co obxectivo de reducir o risco da incerteza á hora de emprender e adquirir novos coñecementos.
Entre outros servizos, inclúe:
- Acompañamento e asesoramento continuado, sempre ao ritmo do emprendedor ou emprendedora.
- Metodoloxía común validada e adaptada a cada proxecto, ás singularidades de cada emprendemento e ao seu grao de madurez.
- Titorización con profesionais de primeiro nivel en todo o itinerario de formación.
Ademais, poñen á disposición das persoas usuarias unha ferramenta de análise (Sistema de Intelixencia Territorial para o Emprendemento – SIE) coa que poderán coñecer de antemán moitos datos do lugar onde se pretende emprender. Por exemplo, os detalles do mercado e a súa estrutura produtiva; información do sector industrial e económico no que se vai desenvolver a actividade; ou oportunidades de desenvolvemento empresarial para emprender en base ás necesidades do territorio.
A Rede conta actualmente con oito polos activos espallados polo territorio galego e que se seguirán consolidando para dar cobertura ao 100% da Comunidade.
Ata o momento máis de 550 persoas emprendedoras recibiron arredor de 1.700 titorías para sacar adiante as súas iniciativas, permitindo xerar emprego e emprendemento e fixar poboación no rural galego.