
Ao día!

Convertindo refugallos da uva en produtos de alto valor
É posible obter extractos naturais con potencial bioactivo a partir do bagazo da uva branca? É posible grazas ao proceso patentado por i-Grape Laboratory e que lles permite obter extractos polifenólicos, ou o que é o mesmo, substancias das plantas que teñen unha alta capacidade antioxidante e aportan beneficios para a saúde como protexernos fronte a enfermidades dexenerativas, entre outras aplicacións.
Desde a empresa sosteñen que o seu obxectivo é a innovación na produción de extractos bioactivos naturais e ecolóxicos, empregando técnicas sostibles e respectuosas co medio ambiente. O resultado é unha valiosa contribución á economía circular xa que converten residuos do sector vinícola en produtos con propiedades antioxidantes, antibacterianas e funxicidas demostradas de interese para as industrias farmacéutica, dermocosmética, veterinaria, fitosanitaria, zoosanitaria e alimentaria. Un proceso que a empresa simplifica nun titular moi representativo: “o bagazo do viño: de lixo a xoia”.
Programa Doutoramento Industrial
i-Grape Laboratory incorporou en 2022 ao doutorando Diego González Iglesias para a realización da súa tese de doutoramento coa fin de contribuír á obtención de extractos bioactivos de orixe natural para o seu uso como terapia antifúnxica en patoloxía forestal, así como aditivo alimentario en pensos para gando.
Deste xeito, a súa tese de doutoramento, baixo a dirección da dirección da catedrática de Química Analítica Marta Lores Aguín do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas da Universidade de Santiago de Compostela, está a desenvolver unha investigación para obter compostos bioactivos a partir de aciñeiras autóctonas de Moreda, na Serra do Courel, e que terán aplicación nos sectores da silvicultura e gandaría, como un aditivo para os pensos que axude a reducir o uso de antibióticos para protexer a saúde dos animais.
Diego González é un dos doutorandos que participan no programa de Doutoramento Industrial da Xunta de Galicia. Este programa, convocado conxuntamente polas consellerías de Economía, Industria e Innovación e de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, apoia a contratación de doutorandos por empresas galegas para os seus proxectos de investigación e innovación.
Está prevista proximamente a terceira edición do programa, dotado con 1,9 millóns de euros, coa que se pretende apoiar a contratación doutros 15 estudantes. A axuda máxima anual para a empresa ou centro tecnolóxico é de 36.000 euros, que se complementa coa axuda destinada á universidade para cubrir os gastos de desenvolvemento do proxecto e o custo da matrícula no programa de doutoramento (ata 10.000 euros máis).
Esta non é a primeira nin única colaboración de i-Grape Laboratory con universidades e equipos de investigación. De feito, encargaron ao grupo de investigación “Alimentos, tecnoloxía e saúde (ALTESA)” da Universidade de Burgos un proxecto de validación de metabolitos activos derivados da uva no tratamento do infarto agudo de miocardio. Este estudo obtivo o terceiro lugar nos premios Desafío Universidade Empresa relacionados coa medicina e o mundo agrario que concede a Xunta de Castela e León.
Compromiso coa investigación
Nun mercado cada vez máis imprevisible, volátil e impaciente, como nos amosou a pandemia, a resposta de i-Grape Laboratory é unha aposta real pola investigación e o desenvolvemento desde un departamento conectado coas necesidades plantexadas polos clientes para poder responder dun xeito áxil e eficaz ás esixencias do mercado en ingredientes bioactivos de orixe natural.
A empresa achega investigación baixo demanda sobre residuos vexetais que o cliente necesite valorizar, contribuíndo á economía circular dos sectores forestal e gandeiro, cun enfoque sostible e respectuoso co medioambiente. Así mesmo, avanza na validación industrial das investigacións realizadas polo departamento de I+D, en colaboración co grupo de investigación USC_LIDSA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas) da Universidade de Santiago, nas substancias bioactivas que presentan un maior potencial de mercado pola súa novidade, valor comercial e forte demanda.