
Ao día!

Unha biorrefinería de insectos con selo galego
Impulsada por cinco vigueses, Galinsect é unha iniciativa centrada na cría e comercialización de insectos para proporcionar unha fonte de alimentación rica en proteína, natural e de alta calidade. O proxecto xurdiu ao amparo da II edición da Business Factory Food, a aceleradora do sector alimentario impulsada pola Xunta e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia. “Para a devandita convocatoria, avaliamos distintos tipos de proxectos con foco na sustentabilidade, a economía circular e a valorización do sector primario galego. Desa análise detectamos que o que podía ter un maior potencial como negocio era a gandería de insectos”, explica Rubén Recamán, CEO da empresa e un dous seus cofundadores.
Na súa granxa situada en Cristiñade (Ponteareas) atopamos o insecto tenebrio molitor, comunmente coñecido como verme da fariña. “É interesante sobre todo polo seu perfil nutricional, xa que ten un alto contido de proteínas de alta calidade, de graxas saudables e tamén de quitina, que é un polímero con moitas aplicacións a nivel industrial. Tamén ofrece unha gran escalabilidade para producións moi elevadas”, explica Recamán.
En Galinsect encárganse de todo o seu ciclo de vida, que pasa por diferentes fases: ovo, microlarva, larva adulta, crisálida e finalmente, o imago ou escaravello. O que se comercializa é concretamente a larva. “Os escaravellos funcionan como reprodutores. O 90% das larvas sae á venda e resérvase un 10% para os traballos de mantemento da colonia”, detalla. Como fonte de proteína no mercado, é especialmente relevante para sectores como a gandería, a acuicultura ou o petfood, un campo emerxente e de crecemento exponencial.
Recoñecen que o seu paso pola Business Factory Food foi crucial para que o proxecto vira a luz. “Poder entrar, participar do programa de titorización e mentorización con empresas punteiras e de sectores nos que nós queriamos desenvolvernos, como Nova Pescanova, Viña Costeira e Corporación Laber, abriunos moitísimo o noso ámbito de coñecemento”, explica, acelerando ademais o que, doutro xeito, “nos levaría 3 ou 4 anos de traballo”. O financiamento do programa tamén foi determinante, xa que lles permitiu, entre outras cousas, realizar as obras para acondicionar as instalacións (unha granxa avícola en desuso da familia dun dous socios) e comezar cos traballos de produción.
Bioproinsect, un proxecto orientado á máxima circularidade
Desde a súa constitución oficial en 2020, Galinsect evolucionou e diversificou o seu modelo de negocio cara ao campo da biotecnoloxía, liderando o proxecto piloto Bioproinsect, en colaboración coa Universidade de Vigo e co apoio da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.
O obxectivo é crear unha biorrefinería de insectos e escalala industrialmente. En primeiro lugar, revalorizan residuos e subproductos vexetais como alimento para os seus insectos. O seguinte paso é bioprocesarlos. Para iso, desenvolveron unha tecnoloxía grazas á cal “somos capaces de extraer produtos de alto valor engadido, como son as proteínas hidrolizadas, ácidos graxos (omega 3, omega 6, ácido oleico e linoleico…) ou quitina, cun alto valor de mercado para a industria alimentaria, cosmética, farmacéutica, etc.”. Ademais, o propio subproducto que xera o insecto, que é o esterco, ten un gran uso como abono fertilizante, pechando así a súa circularidade completa.
Deste xeito, Galinsect, que proximamente lanzará a súa primeira rolda de financiamento, busca modernizar e diversificar o sector primario mediante o emprego da biotecnoloxía para o bioprocesado de insectos, en concordancia coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3 de Galicia).