Inicio
Actualidade

Ao día!

17/10/2023

Unha liña de cosmética natural nacida en Guitiriz

Comparte este artigo

Isolina Calvo lanzou a súa marca Siolaz en maio de 2022, todo un caso de éxito de emprendemento empresarial e aposta polo comercio dixital

Despois de 35 anos dedicada ao mundo da estética e da cosmética, en 2022 Isolina Calvo fixo realidade un dos seus soños: crear a súa propia liña de produtos de coidado da pel. “Na pandemia, cando tivemos que parar de traballar, foi cando dixen: é o momento de facer probas e crear Siolaz”, explica. Nas súas palabras, Siolaz é unha marca creada para mulleres con pouco tempo, coma ela, co obxectivo de darlles unha rutina de coidado da pel efectiva.

Siolaz Alta Cosmética Natural é unha marca “orgullosamente galega, como galega que son, e de fabricación española”, explica. Trátase dunha liña de formulación propia e resultado de "moitísimos anos de investigación e de probas con principios activos". Na gama atópanse, entre outros produtos, crema facial, corporal, protector solar, desmaquillante ou xel de baño. “É unha alternativa diferente pensada en mulleres galegas e españolas para ter unha pel sá e saudable en moi pouco tempo, por iso leva un alto poder de principios activos, como a elastina, o coláxeno e o extracto de caléndula, entre outros”, conta.

O dixital é unha canle fundamental para todo o proxecto e, de feito, Siolaz foi unha das empresas beneficiarias da liña de apoios da Xunta de Galicia para a transformación dixital e a modernización do sector comercial e artesanal. “Para nós a páxina web é a nosa principal canle de venda. Estamos traballando para potenciala e mellorar como parte da estratexia na que nos apoiamos e nas nosas redes sociais ofrecendo aos nosos clientes e seguidores información de valor para coidar a pel e para simplificar rutinas de coidado persoal”. Xunto con internet, tamén se comercializan os seus produtos nos seus salóns propios de Guitiriz e Betanzos, así coma noutros salóns galegos de Santiago ou Lugo, sempre coa vista posta en seguir crecendo e expandindo a marca a outros mercados.

Os produtos están pensados para todas as idades, aínda que especialmente para as mulleres de máis de 30 anos, co obxectivo de simplificar pasos e logrando que, cun mesmo produto, se poidan solucionar varias necesidades de pel á vez e non ao revés: ter que empregar moitos produtos para unha mesma cousa.

Para o futuro, pensa en seguir potenciando a marca. “Encantaríame chegar a todas as mulleres galegas e que vexan que é posible manter unha pel saudable en pouco tempo”, conclúe.

Tamén pode interesarche