
Ao día!

Entrevista a José Manuel Sanín, presidente da Asociación Galega de Artesáns
José Manuel Sanín non só leva máis de trinta anos dedicado á creación artesá de pandeiretas e instrumentos de percusión tradicional, senón que ademais ostenta a condición de presidente da Asociación Galega de Artesáns. Abordamos con el os retos e oportunidades do sector.
Talento e diversidade danse a man neste sector. Como é o perfil dos profesionais asociados á Asociación Galega de Artesáns?
Efectivamente, é un perfil moi diverso, xa que os oficios son moi diferentes os uns dos outros. En que se parece alguén que fai cerámica a outro que traballa o coiro? Poida que en nada, pero ao mesmo tempo tamén hai moitos rasgos parecidos. Un deles é o tamaño. Para ter a condición de artesán, un obradoiro non pode superar os 10 empregados. Polo tanto somos pequena empresa ou autónomos, que traballan sós ou teñen algún operario. Actualmente contamos cuns 200 asociados. O artesán moitas veces é reacio a asociarse. Aínda así, cabe destacar que somos unha das asociación máis potentes e de referencia de todo o país.
Que actividades e servizos lles ofrecen?
Entre outros servizos, a través da oficina filtramos a información máis relevante sobre o sector que procede doutras asociacións, do Ministerio, da Xunta e doutras administracións, relacionada con normativa, feiras, eventos… e facémoslla chegar aos nosos socios para que poidan estar ao día. Tamén organizamos eventos como “Mostrart” ou “Ofeitoaman”, que son feiras de venda directa de artesanía moi recoñecidas e das máis importantes que se fan na Península. Ademais, somos os interlocutores naturais coa administración para transmitir necesidades ou inquedanzas, por exemplo ante a confección da nova Lei de Artesanía de Galicia, xa que somos a organización do sector con maior número de asociados e a máis antiga.
A asociación naceu en 1983. Como evolucionou o sector ao longo destes 40 anos?
Realmente haino que analizar oficio por oficio. Moitas actividades artesanais tradicionais están desaparecendo, xa que nalgunhas non queda remuda xeracional unha vez que se xubilan os artesáns que as desenvolvían. Outras, sen embargo, mantéñense ou medran. Por exemplo, no meu oficio, que é o das pandeiretas, desde que empecei ata hoxe, hai 10 veces máis artesáns.
Organizan cada ano coñecidas feiras de artesanía cun gran éxito de público. Os eventos presenciais seguen sendo clave na estratexia de comercialización?
Sen dúbida. Se non tes presenza na rúa, se non te coñece o público… non consegues que logo a xente te busque de forma online, tendo en conta que non contamos coa capacidade de grandes empresas para facer publicidade dixital.
Moitos artesáns vendemos por internet, e cada día máis, pero para darte a coñecer o xeito máis doado é precisamente a través da venda directa nunha feira ou evento. Logo podes manter a vinculación a través do dixital pero se non houbo un coñecemento previo é moi complicado que confíen en ti e dean o paso.
Os procesos artesanais, o “feito á man”, a autenticidade… son tendencia. A que se debe?
Os artesáns xa estabamos antes de que houbera industria. Eramos a forma de producir obxectos durante toda a historia da humanidade, excepto nos últimos 200 anos. O feito de que o público volva mirar para nós, cando nos anos 50 ou 60 do século pasado se deu de lado á artesanía por produtos máis industriais, non é porque agora nós fagamos as cousas de xeito diferente, senón porque simplemente se están dando conta de que iso non era válido, non funcionaba. A xente volve ás orixes.
Por outra banda, a diferenza da industria, que é capaz de producir máis do que pode vender, no noso caso é ao contrario. Non somos quen de producir todo o que seriamos capaces de vender. No noso caso, por exemplo, poderiamos vender máis pandeiretas das que vendemos, pero non somos quen de fabricalas porque queremos seguir facéndoo dun xeito específico, ofrecendo unha calidade que soporte o uso e o paso do tempo para que o cliente sempre estea satisfeito. Iso tamén fai que os consumidores se decanten por nós.
Que achega a marca Artesanía de Galicia aos profesionais adheridos? Como valora o impacto deste selo no sector?
Artesanía de Galicia foi unha marca rexistrada pola nosa asociación que logo cedemos á Administración porque tiña máis capacidade económica para facela medrar e convertela no que é: a marca paraugas e o selo de calidade de todo o sector. Axuda moito, sobre todo cando se está comezando, como garantía de que se está profesionalizado e de que cumpres cunha serie de criterios de calidade. A marca foi moi boa, é moi boa e é preciso que se siga impulsando decididamente de cara ao futuro para non perder todo o conseguido, dándolle pulo e investindo para que sexa máis relevante e se reforce, algo que será positivo para todo o sector.
Que fortalezas e oportunidades ten o sector de cara ao futuro?
Por unha banda, termos que hoxe están de actualidade como economía circular, pegada cero de carbono, etc. forman parte da filosofía de calquera artesán desde sempre. Por que vou traer a madeira, o coiro ou o barro desde 6.000 km de distancia se podo mercarllo a un veciño a 6 km ou a 600 metros? É un tema de racionalidade e sentido común. Por outra banda, cada vez que hai unha crise, unha morea de xente que se dedicaba a outra cousa empeza a dedicarse a artesanía. É un refuxio para moitas persoas. Vímolo agora coa covid-19, a raíz da cal houbo unha incorporación enorme de cartas de artesáns novas. Pero é preciso seguir dando a coñecer cal é o valor da artesanía e de dedicarse a isto, da importancia de estar rexistrado, etc. No que respecta á remuda xeracional, precisamos que xente nova se achegue cunha mirada fresca e diferente a moitos oficios que están a piques de morrer e lles dean unha volta. Pero non poden esperar moito porque non van ter de quen aprender. A formación é un gran reto xa que, aínda que é doado aprender certas cousas, hai outros oficios dos que é extraordinariamente complicado facelo porque practicamente non queda nada ou hai moi pouco material ao que se poida acceder. Creo que se debe facer unha aposta pola formación, por montar escolas, aínda que non sexan oficiais, para recompilar o coñecemento e mantelo vivo e accesible.