Inicio
Actualidade

Ao día!

20/10/2023

Galicia impulsa a compra pública de innovación para o sector da enerxía e a industria

Comparte este artigo

A través deste instrumento de contratación, a Xunta ten como obxectivo impulsar a actual plataforma experimental de Punta Langosteira e desenvolver solucións innovadoras ao redor da cadea de valor do hidróxeno verde

A Xunta de Galicia presentou o programa de Compra Pública de Innovación para o sector da industria e da enerxía.

A iniciativa, que vai destinar un orzamento mínimo de 5 M€ por proxecto, está enfocada a impulsar a actual plataforma experimental de Punta Langosteira, co desenvolvemento de novas tecnoloxías no ámbito das enerxías renovables mariñas e, tamén, ao deseño de solucións innovadoras ao redor da cadea de valor do hidróxeno verde.

Galicia conta cun dos principais recursos mariños de Europa e ten o potencial de converterse nunha rexión referente neste ámbito, tanto desde o punto de vista de xeración de enerxía como de desenvolvemento de tecnoloxías eólicas mariñas flotantes respectuosas co medio ambiente. Neste contexto, Punta Langosteira aspira a ser o referente tecnolóxico para o ensaio de prototipos de plataformas flotantes e o estudo dos recursos enerxéticos renovables, ao servizo dun novo sector en Galicia, onde a industria naval, a industria do metal, pero tamén o sector TIC e moitos outros van ser indispensables.

Doutra banda, a través da Compra Pública de Innovación, poñerase en marcha o denominado Centro Galego de Solucións Innovadoras ao redor da cadea de valor do hidróxeno verde, co obxectivo de fomentar a investigación e o desenvolvemento de solucións neste ámbito que permitan satisfacer as limitacións actuais. Considérase necesario sentar as bases dun espazo demostrador en tecnoloxías relacionadas con H2 Verde, facendo especial fincapé na descarbonización e a almacenaxe de enerxía, tendo en conta os recursos existentes na Comunidade, o seu potencial industrial e o coñecemento dispoñible. Concretamente, trasladaranse ao mercado 3 retos que se centran en validar novas tecnoloxías relacionadas coa produción de hidróxeno; a súa almacenaxe, transporte e distribución; e casos de uso e aplicacións. O obxectivo é que a mellor tecnoloxía se desenvolva en Galicia, e que, despois, se industrialice e comercialice desde a Comunidade para toda España e Europa.

Galicia é referente no Estado e pioneira na utilización da Compra Pública de Innovación, xerando oportunidades para o ecosistema innovador e empresarial galego. De feito, na última década executáronse na Comunidade 250 M€ neste ámbito, sendo o Polo Aeroespacial de Galicia un dos proxectos máis destacados posto en marcha pola Xunta a través deste instrumento de contratación.

Tamén pode interesarche