
Ao día!

Levando o sabor da castaña galega a todo o mundo
Alibós é unha peme con máis de 50 anos de historia, situada en Monterroso, dedicada á produción, elaboración e comercialización da castaña pelada e ultraconxelada. Actualmente é unha das principais empresas transformadoras de castañas de Europa.
Dispoñen de máis de 300 hectáreas de modernas plantacións de castiñeiro en zonas rurais próximas á fábrica, todas elas de produción ecolóxica e Indicación Xeográfica Protexida “Castaña de Galicia”. Ademais, a través da súa empresa filial Soutos Sativa, proporcionan todos os servizos agrícolas necesarios para a produción de castañas, desde a formación e asesoramento, ata a comercialización da planta ou os coidados e recollida do froito.
Os produtos de Alibós destínanse a clientes industriais, hostalería e gran distribución. Procesan o produto de forma segura e totalmente natural, obtendo unha castaña totalmente pelada, crúa e ultraconxelada que exportan aos mercados internacionais. Neles elabóranse produtos derivados da castaña: fariña, puré, marrón glacé, en conserva con caldo de azucre, en conserva ao natural…
Innovación e economía circular
A innovación é un piar fundamental na política da empresa. Nos últimos anos, desenvolveron diversos proxectos en campos como a valorización de residuos e subproductos do proceso, novos ingredientes e produtos funcionais, sen alérxenos e para poboación sensible, caracterización de variedades e prevención de enfermidades no castiñeiro.
O seu compromiso e aposta polo residuo orgánico cero é clave. Por exemplo, utilizan a casca de castaña como combustible na súa caldeira de biomasa; compostan as cinzas de combustión e a casca húmida, aplicándoas como fertilizante natural nas súas propias plantacións; e colaboran con empresas locais para producir fertilizantes orgánicos. Doutra banda, os froitos danados comercialízanse conxelados para a alimentación animal e a fracción sólida obtida do proceso de depuración da auga sécase e utilízase como fariña de castaña para a elaboración de pensos.
A redución de residuos de envases, a reciclaxe de auga no proceso, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables son tamén outros factores importantes na súa política de reciclaxe e economía circular.
A súa vocación innovadora permitiulles diferenciarse da competencia, outorgar valor engadido ao produto e ofrecer novas oportunidades ao rural galego, contribuíndo ademais á conservación dos castiñeiros e montes como parte do patrimonio cultural e natural de Galicia.