Inicio
Actualidade

Ao día!

03/11/2023

Do mercado á cociña nun só clic

Comparte este artigo

A empresa coruñesa Kibus converteuse nunha referencia no ámbito da compra de produtos frescos directamente desde os mercados de abastos ata a porta de casa

A proposta de Kibus é simple pero efectiva: chegar ao cliente final co mellor produto de cada cidade, fresco e de tempada. A través da súa plataforma en liña, cada placeiro das prazas de abastos ten un posto virtual onde exhibe os seus produtos, prezos e ofertas dispoñibles. Isto permite aos consumidores replicar a experiencia de compra no mercado, mantendo a relación de confianza cos seus placeiros de sempre. Ademais, os clientes poden seleccionar a franxa horaria de entrega do seu pedido, brindándolles flexibilidade e comodidade.

Fundada en 2019, o éxito de Kibus radica na súa capacidade para adaptarse ás necesidades cambiantes dos consumidores e ofrecer unha solución práctica para mellorar a experiencia de compra de miles de persoas, preocupadas pola alimentación saudable e comprometidas coa sustentabilidade. “Acababa de vender unha empresa de transporte dedicada a dar servizo a grandes empresas e apetecíame centrarme no cliente final. Doutra banda, como pai, preocupábame que os meus fillos comesen mellor: máis froita, máis verdura, máis produto de tempada… Pero cando saía de traballar, non tiña tempo de facer longas colas ou a praza xa estaba pechada”, explica Eduardo Sanjurjo, xerente e fundador da iniciativa.

Comezaron na Coruña, onde seguen operando nos mercados de Elviña e Praza de Lugo, e actualmente teñen presenza en 17 mercados de toda España, en comunidades como País Vasco, Madrid ou Alacante. En Galicia operan, ademais de na cidade herculina, en Ferrol (Mercado da Madalena), Santiago (Praza de Abastos), Ourense (Praza de Abastos) e Vigo (Mercado O Calvario).

Para os consumidores, Kibus é unha alternativa que suma produto fresco e de calidade, compra sustentable e apoio ao comercio de proximidade. “Tentamos replicar ao máximo a experiencia de compra no propio mercado. O consumidor decide que produto e cantidade quere comprar para evitar o desperdicio alimentario, a que placeiro comprarlle, deixarlle unha nota… É unha compra de confianza”, comenta Sanjurjo.

Pola súa banda, para os placeiros significa unha oportunidade para dixitalizarse e competir a través dunha nova canle de venda que complementa a súa actividade presencial. “Repartimos nun radio de 15 – 20 km de cada praza. En moitos casos son usuarios en localizacións que, por distancia, non comprarían de forma habitual no mercado. Ademais, o 80% das vendas na plataforma realízanse de luns a venres, mentres que os días fortes do mercado presencial son venres e sábados” detalla o fundador para explicar a complementariedade que ofrece Kibus aos vendedores.

Dos produtores ás grandes colectividades

Entre os seus novos retos, ademais de consolidar Kibus, desde a empresa comezaron unha nova liña de negocio que segue a mesma filosofía, pero centrada agora en dixitalizar directamente aos produtores e poñelos en contacto con grandes colectividades. “Creamos un Kibus Pro, baixo o nome comercial de Galia, e dixitalizamos os procesos dos produtores para que as grandes colectividades poidan ter acceso a un produto local, de proximidade e de tempada”, explica. “Á dixitalización, engadimos tamén a loxística e a comercialización. Son produtores pequenos que, se non tivesen unha ferramenta dixital coma esta, non poderían acceder a grandes colectividades”, comenta. O primeiro gran proxecto desta área de negocio foi para o comedor de Inditex, pero xa o ampliaron a residencias de anciáns, colexios, hospitais e empresas de catering.

Tamén pode interesarche