Inicio
Actualidade

Ao día!

08/11/2023

México e Galicia, da man en Mexas

Comparte este artigo

Especializada en calzado artesanal de muller, o principal produto desta firma galega son os huaraches, uns zapatos tradicionais mexicanos que contan con máis de 500 anos de historia e están feitos con pel de primeira calidade

A historia de Mexas é a dunha empresa que crea lazos a ambos lados do Atlántico. “Funme vivir a México por traballo en 2017 e alí descubrín os huaraches, uns zapatos tradicionais mexicanos con máis de 500 anos de historia que se venden nos mercados artesanais. Merquei un par para poder camiñar comodamente ata a oficina e poder ir amañada ás reunións de traballo. Cada vez que unha amiga viña de visita a México, compraba un par e as rapazas da oficina de Madrid pedíanme que as levase na maleta. Vin que era un produto que me gustaba e que ninguén estaba a comercializar en España, así que llo dixen ao meu amigo Borja e decidimos embarcarnos na aventura de montar un negocio”, conta Jess Bardanca, cofundadora da firma, con sede na Coruña.

Foi no 2020, en plena pandemia, cando puxeron en marcha o proxecto, unha etapa que lembran con moito cariño. “Recibimos os primeiros 600 pares que tiñamos pedidos para comezar e xunto coa niña parella (porque claro, Borja, o meu socio non podía vir á miña casa) puxémolos en caixas e gardámolos e organizámolos entre o salón e outro cuarto que tiñamos baleiro. A xente estaba súper volcada nas redes e iso beneficiounos para saír á venda porque a primeira semana xa vendimos 100 pares e moitos deles eran de novos clientes, o resto eran amigos e coñecidos”, lembra.

A marca produce 100% en México, nun lugar chamado Sahuayo de Morelos, en Michoacán. “É un proceso totalmente artesanal, polo que elaborar as cantidades que estamos a vender actualmente leva varios meses. Normalmente empezamos a producir en outubro e entrégannos en febreiro. Importámolo a España e desde aquí comercializámolo en Europa para as tendas e o noso ecommerce”, explica.

En 2023 produciron 10.000 pares e estiman 16.000 para 2024. Lanzan unha colección ao ano. Ao principio vendían unicamente o modelo tradicional, o huarache pechado, e cada ano foron incorporando novidades como sandalias, mules, cangrexeiras, tallas grandes, especiais para pés anchos, con diferentes alturas etc. Os seus clientes son mulleres dun amplo rango de idade, desde os 25 ata máis de 65 anos que buscan comodidade e opcións orixinais, de pel de moi boa calidade e diferentes ao que hai no mercado. Ademais, téñenas moi en conta na estratexia da empresa. “Cada tempada enviamos unha enquisa a toda a base de clientas sobre o que temos pensado lanzar o seguinte ano, elas votan e de aí decidimos o que producimos e o que non. Axúdanos moito a non meter a pata coa compra de stock”, detalla.

Cunha facturación de 500.000 euros en 2023 e a previsión de acadar os 800.000 euros en 2024, as súas principais canles de venda distribúense ao 50% entre a tenda en liña e o denominado wholesale (comercio ao por maior). Ademais, a súa actividade en redes sociais, principalmente Instagram, Facebook, Google e Pinterest, foron clave no posicionamento do negocio.

Proxecto social

Desde o inicio tiveron claro que querían que a marca tivese asociado un proxecto social, que non só xerase postos de traballo en México, senón que tamén achegase un extra de impacto positivo nas comunidades onde producían. Por iso, colaboran coa ONG de Mujeres Aliadas desde que fundaron a empresa en 2020.

Outra parte importante para Mexas é mostrar sempre aos artesáns e artesás que fan os zapatos. “Con cada pedido enviamos unha tarxeta que inclúe un retrato dos artesáns realizado por diferentes artistas, así como o seu nome e unha pequena biografía. Ademais, nas nosas redes facemos moito fincapé en mostrar o proceso, as persoas e a esencia do artesanal. De aí vén o noso lema We honor the hands, que traducido sería Honramos as mans”, comenta.

De fronte ao futuro, o maior reto para os próximos anos é internacionalizar a marca. “Xa iniciamos operacións con Xapón para distribuír a tendas alí e fixéronnos un primeiro pedido. Tamén acabamos de crear unha sociedade en USA para poder iniciar operacións B2B desde México a Estados Unidos, xa que para nós é un mercado que nos deu moi bos resultados en 2023. E por suposto, empezar con campañas de márketing tamén no resto de Europa porque de momento só nos enfocamos en España”, explica. 

Tamén pode interesarche