
Ao día!

Galicia Exporta facilita ás pemes e organismos galegos a súa internacionalización
As exportacións galegas viven o seu mellor momento histórico. En 2022 as vendas ao exterior aumentaron nun 18,3 % ata rozar os 30.000 millóns, o que permite a Galicia contar cunha balanza comercial de 2.802 millóns de euros. A Estratexia Galega de Internacionalización 2021-2025 é a folla de roteiro que impulsa a Administración autonómica co obxectivo de consolidar estas cifras, fomentando a saída ao estranxeiro das pemes galegas e concentrando os esforzos no impulso da dixitalización e a diversificación de mercados.
Neste contexto, a Xunta, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), activa unha nova convocatoria das liñas de apoio Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, cun orzamento conxunto de máis de 3 millóns de euros. A través destes programas incentivarase a realización de accións de promoción exterior que xeren vantaxes competitivas na proxección e posicionamento de empresas e organismos galegos nos mercados internacionais.
Galicia Exporta Empresas
Esta liña está destinada a pequenas e medias empresas que busquen incentivar a realización de accións de promoción exterior, xerando así vantaxes competitivas no mercado internacional. Está dirixida ás pemes de calquera sector económico e cobre accións de proxección internacional relacionadas con actividades de difusión, promoción ou prospección en mercados do estranxeiro.
As axudas cobren actuacións que se celebren desde o 1 de xaneiro ata o 15 de decembro de 2023. A contía final do apoio non excederá os 95.000 €.
Galicia Exporta Organismos Intermedios
A segunda liña está dirixida a asociacións empresariais, consellos reguladores de denominación de orixe, agrupacións industriais ou centros tecnolóxicos e/ou de apoio á innovación.
As axudas cobren actuacións que se celebren desde o 1 de xaneiro ata o 15 de decembro de 2023. A contía final do apoio non excederá os 400.000 €.
Existen diversas accións de proxección internacional que poden ser cubertas polo fondo, como misións empresariais directas ou visitas a feiras nun país estranxeiro, participación ou organización propia de feiras ou eventos expositivos, misións empresariais inversas, campañas conxuntas de publicidade, elaboración de material promocional conxunto, creación, adquisición ou contratación de plataformas que permitan o desenvolvemento e organización de feiras, catas, seminarios, accións e xornadas de formación en modo virtual…
Desde a posta en marcha do Galicia Exporta Empresas, no ano 2016, apoiáronse preto de 1.500 plans de promoción internacional, cunha axuda total ata a data de 30,5 M€, aos que se suman outros 8,7 M€ e 165 iniciativas promovidas a través do Galicia Exporta Organismos Intermedios.
O prazo de solicitudes da presente convocatoria está aberto ata o 23 de novembro de 2023.