Inicio
Actualidade

Ao día!

10/11/2023

A innovación en procesos: unha ferramenta básica de competitividade

Comparte este artigo

A miúdo vincúlase a innovación co desenvolvemento de novos produtos ou tecnoloxías, pero innovar nos procesos da cadea de valor é tamén crucial para incrementar a produtividade e a sustentabilidade dunha empresa

A innovación é clave para o crecemento dunha empresa, sexa cal sexa o seu tamaño. Para accionar este proceso con eficacia é preciso coñecer, analizar e optimizar cada paso da súa cadea de valor. Revisar como se fabrican os produtos ou se prestan os servizos, así como todas as tarefas que se realizan (prestando especial atención aos valores diferenciais fronte á competencia) é fundamental para seguir avanzando e incrementar a produtividade e a sustentabilidade.

O primeiro paso é identificar a cadea de valor da empresa, na que se adoitan distinguir dous estadios diferentes:

  • Cadea de valor primaria. Conxunto de procesos que se levan a cabo na empresa desde a entrada das materias primas ata a satisfacción do cliente, pasando pola fabricación e distribución.
  • Cadea de valor secundaria. Conxunto de actividades que, sendo imprescindibles para o funcionamento diario da empresa, non están na raíz do proceso de creación de valor para a clientela: administración, recursos humanos, contabilidade e finanzas, xestión interna, etc.

Unha vez feito isto, é importante reflexionar sobre que procesos se poden optimizar ou externalizar. O segundo paso é explorar o coñecemento do mercado para descubrir cales son as tecnoloxías dispoñibles e identificar as que se adaptan mellor aos retos de competitividade da peme. E xa por último: implantar e aprender a usar as tecnoloxías para seguir dando resposta efectiva aos desafíos do mercado.

As tecnoloxías de transformación dixital, como a robotización ou a intelixencia artificial, representan un claro exemplo de innovación en procesos e supoñen unha gran revolución na cadea de valor industrial. Destaca por exemplo o chamado xemelgo dixital, consistente nunha representación dixital dun obxecto, proceso ou servizo físico: un motor a reacción, un buque, un edificio, un parque eólico... Estas réplicas virtuais son utilizadas para facer simulacións antes de que se creen e implementen cambios nos obxectos reais, coa fin de recompilar datos para predicir como funcionarán.

A innovación en procesos circulares é tamén un proceso cheo de oportunidades para as empresas, contribuíndo a reformular a cadea de valor: reducindo a pegada de carbono, aumentando a eficiencia e o valor empresarial ou reaproveitando o refugallo.

Tamén pode interesarche