
Ao día!

Avanzando cara á unha minería sustentable e á vangarda tecnolóxica
A Xunta de Galicia volve apostar pola Compra Pública de Innovación (CPI). Neste caso para impulsar a transformación integral da minería a través da procura de novas solucións innovadoras. SmartMin Tech é unha iniciativa adaptada ás particularidades da industria mineira galega e aliñada cos obxectivos e prioridades da Axenda da Minería Sustentable de Galicia 2030.
A través das solucións innovadoras que se desenvolverán neste proxecto espérase proporcionar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Industria e Innovación (organismo encargado da planificación, regulación e promoción do sector mineiro en Galicia), ferramentas tecnolóxicas avanzadas que melloren a eficiencia dos servizos ofrecidos á cadea de valor de todo o sector. Ademais, búscase impulsar a creación de solucións innovadoras que contribúan á sustentabilidade a longo prazo do sector mineiro na rexión.
Ao promover o uso de tecnoloxías deseñadas especificamente para as necesidades de Galicia, preténdese optimizar a extracción e o procesamento de recursos, así como a xestión de residuos e subproductos. Isto permitirá avanzar cara á un modelo máis circular e preservar o medio ambiente. Ademais, dotará á administración das ferramentas necesarias para supervisar de maneira efectiva o cumprimento dos requisitos lexislativos relacionados co medio ambiente e a xestión de residuos, entre outros aspectos.
No marco do SmartMin Tech, recentemente levouse a cabo un proceso de Consultas Preliminares ao Mercado co obxectivo de expor unha serie de retos para os que non se identificaron no mercado solucións axeitadas para, a través dun contraste cos axentes do ecosistema de innovación mineira, recompilar información sobre as solucións dispoñibles e as tendencias en innovación para impulsar as subseguintes licitacións de compra pública de innovación.
Concretamente, búscase dar resposta aos seguintes retos:
- Reto 1: Desenvolvemento dun Sistema de Información Avanzada de Coñecemento xeolóxico-mineiro para Galicia.
- Reto 2: Desenvolvemento dunha Plataforma de Xestión Avanzada para a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.
- Reto 3: Desenvolvemento de solucións innovadoras relacionadas coa integración ambiental e a economía circular.
Estas consultas permiten identificar posibles solucións e provedores, así como fomentar o intercambio de coñecementos e experiencias entre os diferentes axentes.
Axenda da Minería Sustentable 2030
Na actualidade, a minería galega conta cunha produción anual superior aos 246 millóns de euros, o que representa o 10% da produción mineira estatal e da que Galicia é líder nacional en materiais como a lousa, o granito, o cuarzo ou as rocas ornamentais.
A Axenda da Minería Sustentable de Galicia 2030 é a folla de roteiro da Xunta de Galicia para a modernización das principais cadeas de valor do sector, fortalecendo a súa competitividade de maneira sustentable e convertendo a minería nun aliado estratéxico doutras industrias fundamentais na Comunidade.
A Axenda, dotada con 32 millóns de euros ata 2024, busca asegurar que o proceso de transición ecolóxica e dixital se abasteza de maneira sustentable coas materias primas autóctonas. Neste contexto, a industria das materias primas minerais ten un papel clave como provedora de sectores estratéxicos de Galicia a través dos que avanzar cara á un novo modelo industrial baseado nunha economía descarbonizada e dixitalizada, tales como a automoción, o téxtil, a electrónica ou a construción.
A folla de roteiro da minería galega fixa tres obxectivos estratéxicos: alcanzar a modernización e o crecemento do sector da minería de Galicia de maneira sustentable, o fortalecemento do talento humano e da responsabilidade social e, en terceiro lugar, lograr a integración ambiental, o impulso da economía circular e a posta en valor do patrimonio mineiro.