Inicio
Actualidade

Ao día!

21/11/2023

Entrevista a Olalla Castro, cofundadora de Eleven Lab

Comparte este artigo

Galicia ten no seu ADN o emprendemento e a acción”

Todas as empresas, sen importar o seu tamaño, sector ou momento vital, comparten algo: a necesidade de avanzar. Desde Eleven Lab guían neste camiño achegando metodoloxía, experiencia e unha mentalidade 100% de deseño de negocios. Como consultora de deseño estratéxico e innovación, acompañan a startups e empresas a validar, construír ou desenvolver o seu proxecto.

Como nace Eleven Lab e a que necesidades busca dar resposta?

En 2020 o proxecto nace para apoiar a emprendedores desde un modelo de validación e incubación de ideas aplicando metodoloxías de deseño estratéxico e de produto. Viamos que as startups xa tiñan moitos modelos de axuda á súa disposición, pero ao emprendedor que só ten unha idea, ninguén lle ensinaba a validar, testear e analizar se tiña mercado. Buscabamos achegar a innovación ás persoas, a cidadáns que están na súa casa, e que vivisen en primeira persoa os procesos que normalmente están reservados ás corporacións.

Foi a partir do 2022 cando deixamos un pouco de lado o mundo emprendedor para poñer o foco en traballar o deseño de produto dixital, tanto para startups como pemes e corporacións.

En que tipo de proxectos ou empresas se enfocan?

Somos un laboratorio de innovación e unha consultora de deseño, o que implica que traballamos en proxectos moi diversos en todos os sectores e actividades. Facemos estratexia e deseño de produto, deseño UX-UI, deseño de servizo e ata deseño de marca, o que axuda enormemente a calquera empresa a crecer e facturar máis porque terá un produto mellor enfocado ao público ao que se dirixe.

Como é a metodoloxía de traballo?

Hai xa moito que metodoloxías como Agile, Design Thinking ou Design Sprint soan e se fala delas, pero rara vez se levan á práctica como debería. E menos en startups e medianas empresas, aínda que ás veces digan o contrario. Nós tentamos ser fieis a elas para que os proxectos sexan áxiles e con entregables prácticos, útiles e accionables desde os primeiros días. Acabouse a época na que un cliente recibe entregables “só bonitos” e que, ademais, debe esperar meses para ver o resultado de algo que non se probou polo camiño.

Afirman que o deseño estratéxico é a columna vertebral para facer crecer calquera negocio. En que piares debe asentarse esta aposta?

As empresas deben plantexarse que isto non vai só do que eles queren. Isto vai do que eles queren, de ata onde poden chegar, das necesidades e posibilidades do mercado e de que un equipo de expertos sexa parte activa da estratexia. Que haxa equipos multidisciplinares que formen parte da toma de decisións baseadas en datos. Por exemplo, nunha startup onde o core é un produto dixital, o seu equipo básico de traballo para facer crecer o produto e o negocio con cabeza sería deseño+negocio+tecnoloxía.

Realmente aínda falta camiño en España para entender que o deseño non é só dar forma e poñer cor a algo. O deseño é estratexia de produto, é investigación de mercado, é entender as necesidades e problemas dos usuarios que permita poder crear a mellor experiencia útil e usable posible e, por suposto, o deseño é tamén ese elemento visual que xa se sobreentende, pero a conxunción de todo iso é deseño estratéxico, a base da innovación tal e como a entendemos.

Como inflúe a cultura da innovación no éxito das pequenas e medianas empresas? Cales son as estratexias ou enfoques máis efectivos para adoptala?

Fálase moito de innovación. E iso é bo. Que se fale, que se crea nos procesos e que se teñan ganas de activala. Agora ben, hai que facelo e facelo non é tan fácil.

Non nos imaxinemos a innovación soamente en ter que chegar á lúa ou crear algo nunca visto antes. A innovación é optimizar un proceso interno, é engadir unha funcionalidade complexa útil para os teus usuarios ou é acurtar un fluxo de navegación que nos permita facer máis co que xa temos. A innovación é poder simplificar para conseguir. E, para min, aí reside o éxito.

O enfoque dunha pequena e mediana empresa debe ser dar pequenos pasos. Obxectivos medibles que estean dentro das súas capacidades, onde a innovación non sexa promovida por unha persoa ou por un único departamento. A innovación parte da suma de cabezas, incluíndo sempre, sempre, ao usuario ao que vai dirixida esa innovación.

Galicia sitúase como unha das Comunidades que máis avanzou nos últimos anos no ámbito da innovación en España. Con que fortalezas conta o noso tecido empresarial?

Aínda que eu son galega, levo desenvolvendo a miña carreira profesional en Madrid desde hai 20 anos. Hai poucos meses que volvín para quedarme e o que en principio vexo son ganas de facer e de honrar o que somos, desde puntos de vista tanto tradicionais como rupturistas. Unha capacidade incrible para ser mellor e superarse.

Galicia ten no seu ADN o emprendemento e a acción. Non somos de velas vir e gústanos liderar. O feito de que teñamos enormes e admirables exemplos empresariais na nosa Comunidade serve de modelo e de pauta. Séntese un orgullo empresarial que nos empuxa a activarnos.

A Xunta ten en marcha a Axenda Startups Galicia. Que papel estratéxico cre que xogan as startups non tecido económico da Comunidade?

Ser unha startup é complicado. Hoxe estás, mañá seguramente non. Non todo o mundo vale nin todos estarán preparados. Isto igual hai que dicilo máis.
Pero todos aqueles que lanzan unha startup teñen un obxectivo común: querer mellorar o que hai. E, sobrevivan ou non como negocio, no seu camiño removen, activan, innovan... e todo iso permanece. Aprendizaxes que quedan latentes e axudan aos seguintes e ao noso tecido, co que son activadores sectoriais sen ningunha dúbida.

Tamén pode interesarche