Inicio
Actualidade

Ao día!

23/11/2023

Impulsando a enerxía eólica desde Pontevedra

Comparte este artigo

Coverwind Solutions reforza a súa presenza no mercado francés a través do programa de internacionalización Galicia Avanza, posto en marcha pola Xunta de Galicia e Tecnópole

Con sede en Pontevedra e fundada en 2016, Coverwind Solutions é unha empresa de ámbito internacional que ofrece un variado conxunto de servizos en cada unha das fases dos proxectos para a industria eólica. “O sector non deixou de medrar nos últimos anos, e a pesar do crecemento, decatámonos de que había algunhas parcelas sen cubrir por empresas do mesmo campo. Para nós, que xa formabamos parte da industria, era fundamental prestarlle atención a aqueles servizos que se viñan tratando de maneira máis residual”, explican desde a empresa. “Actualmente, logo de seis anos, seguimos co mesmo propósito co que nacemos: poder ofrecer un servicio de calidade, atendendo a todas as necesidades dos nosos clientes, sexa cal sexa o tamaño do proxecto que nos encarguen”, detallan.

En Coverwind realizan a xestión integral de proxectos eólicos, desde o estudo dos recursos, a montaxe e o mantemento ata a coordinación de servizos técnicos. “Pensamos que o que máis valor nos aporta como empresa é a comunicación que mantemos co cliente, os informes de actividade que lle facemos chegar e o maior volume de información posible para que poidan dar conta do traballo realizado”, explican.

Nestes anos de actividade, o grupo de empresas ao que pertence Coverwind, Cover Global, foi medrando para poder ter presenza noutros países e para ofrecer outros servizos relacionados con diferentes enerxías renovables. “O país onde máis traballos realizamos desde o inicio da nosa actividade é Francia, onde temos a nosa filial Coverwind France. Ademais do país galo, percorremos bastante parte de Europa, como Italia ou Suecia, especialmente este último ano. Contamos tamén con outras sedes máis en Marrocos e Brasil”.

Impulso de Galicia Avanza

Coverwind Solutions é unha das empresas participantes en Galicia Avanza, o programa de internacionalización de pemes impulsado pola Xunta de Galicia e Tecnópole. O seu obxectivo: posicionarse no mercado francés. “Francia é un dos países onde máis adoitamos traballar. Alí lévannos bastante vantaxe en canto ao avance do sector, o que significa que a industria está moito máis avanzada. Por este motivo, estanse comezando a desmantelar e repotenciar antigos parques eólicos e Coverwind quería estar aí. Queriamos darlle visibilidade ao traballo que levabamos feito ata o de agora con proxectos do mesmo eido que nos permitiran posicionarnos no mercado como referencia”, contan.

Grazas ao programa, puideron realizar a planificación e o estudo previo do terreo para saber trazar o camiño máis idóneo. “Puidemos coñecer de xeito máis exhaustivo o mercado francés e como se comporta o público ao que queremos chegar, que foi e é moi útil para nós. De igual maneira, valoramos tamén a posibilidade de plasmar e deixar por escrito como nós entendemos o traballo e a forma de executar calquera traballo”, comentan.

De cara ao futuro, “gustaríanos non só manternos, senón seguir medrando, tanto en emprego como en facturación. O sector das renovables está en auxe, e coidamos poder seguirlle o ritmo”, explican. De feito, “Galicia ten un enorme potencial para as renovables. Dispoñemos dunhas condicións climatolóxicas moi favorables para a transición enerxética: o vento abundante e recursos eólicos prometen unha xeración sostible de enerxía, mentres que o potencial da solar e outras enerxías tamén son prometedores. Ademais, o desenvolvemento de tecnoloxías renovables e políticas adecuadas, serán esenciais para o aproveitamento deste potencial e avanzar xuntos cara un futuro máis sustentable.”

Tamén pode interesarche