
Ao día!

Entrevista a Lucía Castro Díaz, xerente de DATAlife
DIH DATAlife é unha iniciativa que se desenvolve no marco da Estratexia Galega de Hubs de Innovación Dixital, promovida pola Xunta de Galicia. Actúa como eixo estratéxico para mellorar a competitividade das empresas galegas a través do uso da intelixencia artificial e do big data nas cadeas de valor da biotecnoloxía, agro – mar - alimentación, forestal-madeira e saúde.
Cal é a misión de DATAlife e cales son as súas funcións?
DATAlife é o hub de innovación dixital para as Ciencias da Vida, escollido como estratéxico no 2019 pola Xunta de Galicia, que naceu para contribuír á transformación dixital das pemes galegas. Ademais, constituímonos coa visión de converter a nosa comunidade en biorrexión de referencia a nivel europeo a través da conexión, coordinación e creación de sinerxías entre os axentes do ecosistema de innovación e os sectores produtivos de Galicia.
Desde o hub traballamos coa finalidade de aplicar, divulgar e potenciar o uso de tecnoloxías disruptivas, como poden ser a intelixencia artificial ou o big data, naquelas pemes que se atopan dentro das nosas cadeas de valor: agro-mar alimentación, biotecnoloxía, forestal-madeira e saúde-coidados. Tamén apostamos por aquelas tecnoloxías relacionadas cos datos, xa que consideramos que brindan un potencial diferenciador dentro dos sectores cos que traballamos.
En termos xerais, cales son os principais retos tecnolóxicos aos que se enfrontan as cadeas de valor do sector das Ciencias da Vida en Galicia?
Destacaría a necesidade de formación, que é común a todos os sectores cos que traballamos. Tamén comparten o reto de integrar e sacarlle máis partido aos datos de diferentes fontes.
Que tipo de servizos lle ofrecen ás empresas e en que tecnoloxías disruptivas teñen posto o foco?
Ofrecemos diagnósticos e plans de dixitalización, asesoramento para introdución de tecnoloxías disruptivas, acceso a financiamento ou contidos formativos específicos para cada sector. Ademais, grazas aos nosos socios tecnolóxicos, poñemos á disposición das pemes servizos para testar antes de comprar tecnoloxías como a intelixencia artificial, internet das cousas, Ciberseguridade ou computación de altas prestacións.
En definitiva, brindamos unha ampla gama de capacidades e servizos tecnolóxicos en función das necesidades da entidade que acuda a DATAlife, coa fin de atopar a mellor solución tecnolóxica.
Cabe resaltar que os servizos están financiados ao 100% para aquelas pemes que estean interesadas en recibir algún deles grazas ao proxecto EDIH DATAlife, que conta cun presuposto de case 5,6 millóns de euros e está financiado pola Comisión Europea, con fondos Digital Europe, e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (Mincotur), con fondos NextGeneration.
Que oportunidades supón a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia para os sectores vinculados á bioeconomía e á saúde?
Grazas a esta Estratexia, Galicia pon en valor e apoia sectores críticos para o noso futuro, orientando esforzos de I+D+i ao benestar das persoas e o medio ambiente, baseándose na dobre transición: verde e dixital. Isto vai permitir desenvolver e testar novas oportunidades e solucións innovadoras dixitais dirixidas a elas.
Como valora o grao de implantación da dixitalización no sector primario galego?
Tras realizar o noso propio diagnóstico de madurez dixital do sector Agro-Mar Alimentación galego, podemos dicir que está moito mellor dixitalizado do que moitas persoas pensan. Sabemos que aínda queda un longo camiño por percorrer e moito traballo que facer á hora de introducir novas tecnoloxías no sector primario, pero tamén queremos destacar que si existen casos de éxito e experiencias pioneiras neste ámbito.
O Plan Estratéxico de DATAlife 2024-2028 ten como obxectivo fortalecer o ecosistema innovador en Galicia e impulsar a súa dixitalización. Con que fortalezas conta a Comunidade?
Galicia conta cun ecosistema moi ben articulado, o hub é un exemplo disto, xa que no noso proxecto EDIH DATAlife traballamos xuntos clústeres, universidades, centros tecnolóxicos e pemes. Tamén contamos cunha excelente oferta tecnolóxica, tanto no eido comercial como no da I+D. Ademais, grazas ao apoio da administración pública, moitas pemes galegas están inmersas en proxectos innovadores e temos moitas startups que achegan produtos e servizos dixitais aos nosos sectores. Penso que é importante que estas fortalezas sexan máis coñecidas a nivel europeo e niso tamén estamos a traballar desde DIH DATAlife.