Inicio
Actualidade

Ao día!

30/11/2023

Impulsando o polbo galego no mercado internacional

Comparte este artigo

A empresa pontevedresa Rosa de los Vientos é unha das pemes participantes na segunda edición da aceleradora Galicia Avanza, co obxectivo de impulsar a súa presenza no exterior

Frigoríficos Rosa de los Vientos é unha empresa familiar con sede no Porto de Marín e fundada no ano 1992 por Manuel Otero Patiño e Mercedes González. A súa principal área de negocio é o procesado e ultraconxelación de cefalópodos, polbo e calamar, especialmente.

As súas instalacións ubicadas no Porto de Marín (Pontevedra) contan con cámaras frigoríficas, túneles de conxelación e cocedeiro de cefalópodos, moluscos e crustáceos, equipados coas máis modernas tecnoloxías.

A calidade, a selección da mellor materia prima e a constante innovación dos procesos produtivos son os piares nos que asentaron o seu crecemento nestes máis de trinta anos de traxectoria.

Precisamente, froito dos traballos de innovación levados a cabo pola compañía, en 2019 lanzaron ao mercado croquetas de polbo e no ano 2021, en colaboración coa empresa La Central Heladera de Ourense, presentaron o xeado de polbo.

“O Pulpeiro” é a marca de Frigoríficos Rosa de los Vientos baixo a que comercializan nos supermercados todos os produtos destinados ao consumidor final, como polbo (en diferentes preparacións e formatos), fumet de polbo, mexillón, calamar limpo, sardiña, navalla ou pescada. A empresa conta con selo Galicia Calidade, como garantía de orixe e calidade galega, apostando por un proceso artesanal e sustentable.

Rosa de los Vientos ten presenza en máis de 30 países, como Italia, Francia, Alemaña ou Inglaterra. Para fortalecer e seguir expandíndose no mercado exterior, contan co programa de apoio Galicia Avanza, a través do que dispoñen do asesoramento e financiamento necesarios para levar acabo melloras relacionadas coa súa dixitalización, para optimizar a web, actualizar a imaxe corporativa, acceder a catálogos dixitais ou elaborar un vídeo presentación da empresa.

Galicia Avanza é unha iniciativa da Xunta de Galicia co Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) para acelerar a internacionalización das pemes galegas. O obxectivo do programa, que xa vai pola segunda edición, é axudar a que a innovación galega logre alcanzar unha posición relevante no mercado internacional ou fortalecer a súa presencia no estranxeiro no menor tempo posible.

Tamén pode interesarche