
Ao día!

Os centros tecnolóxicos: un motor de innovación e competitividade
Os centros tecnolóxicos xogan un rol fundamental na promoción da innovación, o desenvolvemento tecnolóxico e a competitividade das empresas, contribuíndo así ao crecemento económico e ao avance tecnolóxico en Galicia.
A Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga) foi creada hai dez anos a iniciativa de Aimen, Anfaco-Cecopesca e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (Ctag). Posteriormente, integráronse Gradiant en 2013 e EnergyLab e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a principios de 2015. A última incorporación foi Cetim, de maneira que a alianza inclúe aos sete centros tecnolóxicos galegos de carácter estatal.
Algunhas das súas funcións clave inclúen:
- Investigación e desenvolvemento (I+D). Os centros tecnolóxicos de Galicia levan a cabo investigacións e proxectos de desenvolvemento tecnolóxico en diversas áreas, como a industria, a agricultura, a saúde, a enerxía e a sustentabilidade ambiental.
- Transferencia de tecnoloxía. Facilitan a transferencia de coñecementos e tecnoloxías entre a investigación e as empresas, axudando a estas a aplicar avances tecnolóxicos nos seus produtos e procesos.
- Apoio á innovación empresarial. Ofrecen servizos de asesoramento e apoio ás empresas na identificación de oportunidades de innovación, a xestión da propiedade intelectual e a procura de financiamento para proxectos de I+D.
- Formación e capacitación. Organizan programas de formación e capacitación para profesionais e empresas, co obxectivo de mellorar as súas competencias técnicas e tecnolóxicas.
- Desenvolvemento de prototipos e validación. Axudan ás empresas na creación de prototipos e na validación de novas tecnoloxías e produtos, o que facilita a introdución de innovacións no mercado.
- Apoio na internacionalización. Colaboran na internacionalización das empresas, brindando información sobre mercados estranxeiros, normativas internacionais e oportunidades de colaboración.
- Vixilancia tecnolóxica. Realizan seguimento de tendencias tecnolóxicas e análises de mercado para axudar ás empresas a tomar decisións informadas sobre as súas estratexias de innovación.
- Colaboración en proxectos europeos. Participan en proxectos de investigación e desenvolvemento financiados pola Unión Europea, o que permite ás empresas galegas acceder a redes internacionais de innovación e financiamento.
Capacidades e sectores
As altas capacidades dos sete centros tecnolóxicos que forman Atiga permiten ofrecer solucións nunha ampla diversidade de sectores: agro-mar-alimentario, enerxía, forestal, naval, automoción, téxtil, turismo…
AIMEN Centro Tecnolóxico é un referente en I+D+i e prestación de servizos tecnolóxicos no ámbito dos materiais e tecnoloxías de fabricación avanzada, en especial as tecnoloxías de unión e tecnoloxías láser aplicadas ao procesado de materiais e á robótica. Está presente nos principais sectores da actividade industrial.
Anfaco-Cecopesca é o centro tecnolóxico de referencia para o sector mariño e alimentario, desenvolvendo proxectos de I+D+i de carácter nacional e internacional, innovando en produtos e servizos e transferindo solucións tecnolóxicas avanzadas á industria.
O Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) ofrece proxectos e servizos tecnolóxicos creando valor económico e social, en áreas como materiais avanzados, eco-bio tecnoloxías, industria dixital ou servizos tecnolóxicos.
O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) é unha entidade creada para ofrecer solucións avanzadas á industria do automóbil, apoiando ás empresas na súa modernización e adaptación ás novas tecnoloxías, mediante o impulso da investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica.
O Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (EnergyLab) é un centro de referencia nacional e internacional especializado en proxectos innovadores no ámbito do medio ambiente que ten como misión desenvolver e difundir tecnoloxías, produtos e hábitos de consumo que optimicen a eficiencia e a sustentabilidade enerxética nos sectores industrial, terciario, transporte e na sociedade en xeral.
O Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) sitúase como socio fundamental orientado ás necesidades da industria no ámbito das telecomunicacións, achegando solucións innovadoras en tecnoloxías para a seguridade e a privacidade; o procesado de sinais multimedia; a biometría e a analítica de datos; internet das cousas e os sistemas avanzados de comunicación.
Por último, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) ten como obxectivo mellorar a capacidade competitiva das empresas, organizacións e profesionais de distintos sectores estratéxicos, facilitando o seu acceso a actividades de investigación en catro áreas de coñecemento relacionadas entre si: sensórica e comunicacións, TIC, enerxía e construción sustentable.