Inicio
Actualidade

Ao día!

04/12/2023

Fastfly, a primeira unidade mixta de investigación de Galicia especializada en drons

Comparte este artigo

A alianza entre ITG e Star Defence Logistics & Engineering contribúe a aumentar a seguridade e a autonomía dos UAVs en contornas complexas, longas distancias e máis aló da liña de visión do piloto, axudando a reforzar o posicionamento internacional do Polo Aeroespacial de Galicia

Forzas Armadas, Ministerio de Defensa, Telefónica, Portos do Estado, empresas de loxística e de inspección ou mantemento de infraestruturas son algúns dos sectores que xa probaron as aplicacións da solución de intelixencia artificial para a seguridade das operacións con drons desenvolta polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Star Defence Logistics & Engineering a través da UMI FlastFly 2035 (Full Autonomous Systems for UAS), impulsada co apoio da Xunta de Galicia a través do programa Unidades Mixtas de Investigación.

ITG desenvolveu a intelixencia artificial, a robótica, a electrónica e as comunicacións que permiten que as operacións con drons sexan automatizadas, seguras, integradas no espazo aéreo e viables economicamente para os operadores. Os traballos foron realizados por un equipo de traballo de 17 investigadores e xeraron 10 empregos altamente cualificados de nova creación.

FlastFly 2035, iniciada en 2021, é a consolidación do traballo de I+D+i iniciado na fase de creación da UMI en 2017. Nesta segunda fase, aliñada coa folla de roteiro 2035 da Axencia Europea de Seguridade Aérea (EASA), tanto ITG como Star Defence Logistics & Engineering (SDLE) centráronse fundamentalmente en tres eixos: a evolución de sistemas para a asistencia á aterraxe dos drons; a xestión intelixente de diversas fontes de enerxía do dron e a súa carga autónoma; e a automatización de funcións que complementan aos sistemas de comando e control. 

Ademais, a UMI xogou un papel fundamental na transferencia de tecnoloxía ao mercado, con varios fitos alcanzados como a solicitude de patente internacional para a tecnoloxía Drone in box, a introdución da tecnoloxía Fastfly en proxectos europeos ou o desenvolvemento dunha solución para xestionar a actividade diaria dos operadores de drons, Dronesuite.

No marco da iniciativa realizáronse diferentes ensaios e demostracións de maneira coordinada co Polo Aeroespacial de Galicia, contribuíndo así ao posicionamento da Comunidade como referente internacional no segmento dos avións non tripulados para uso civil.

Aplicación en diversos sectores

A solución desenvolvida no marco de Fastfly 2035 espertou o interese de institucións e empresas de distintos sectores. As Forzas Armadas e Telefónica tiveron a oportunidade de comprobar as súas funcionalidades; no primeiro caso, empregouse en demostracións e exercicios realizados no sur de España, en contorna real, coa Armada e outros axentes como Sasemar, DAVA ou Portos do Estado para a transmisión en tempo real de vídeo e audio entre mar e terra. No caso da operadora de telecomunicacións, o niño integrouse coa rede 5G de Telefónica. Pola súa banda, o Ministerio de Defensa, en colaboración coa empresa SENER, aplica o concepto niño á detección de minas antipersoas con vehículos autónomos, no contexto do programa COINCIDENTE.

No sector loxístico especializado en “última milla”, probouse con voos reais a tecnoloxía niño para a súa aplicación á repartición de paquetería en zonas urbanas. Tamén o sector sanitario amosou interese para a súa aplicación en operacións de loxística e “delivery”, por exemplo, por parte do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) e CatSalut (servizo catalán de saúde).

En canto á súa aplicación nos portos, recentemente leváronse a cabo demostracións para a inspección perimetral nos portos da Coruña e Ferrol. 

Os resultados de FlastFly 2035 tamén se empregaron en demostracións de proxectos europeos de referencia no ámbito da Mobilidade Aérea Urbana, como AMULED e U-ELCOME, onde participan axentes internacionais de diversos ámbitos: industria aeronáutica, empresas tecnolóxicas, operadores, regulación, investigación, etc.

Tamén pode interesarche