
Ao día!

Alice Biometrics, a forma sinxela, rápida e segura de verificar a identidade
Alice Biometrics é unha spinoff do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) constituída en Vigo no ano 2019 por Mikel Díaz de Otazu, Esteban Vázquez e Gradiant. Especializada no ámbito da ciberseguridade e da fraude dixital, a startup naceu co obxectivo de comercializar unha solución de verificación biométrica de identidade que permite realizar o proceso de rexistro de novos clientes 100% en liña e minimizando a fraude. Para iso contou tamén co apoio do programa Ignicia, da Axencia Galega de Innovación, o que lle permitiu dar o impulso definitivo cara á súa maduración tecnolóxica e posterior chegada ao mercado.
A súa tecnoloxía integra solucións para o recoñecemento facial en procesos de onboarding, detección de vida para evitar suplantación de identidade, lectura automática de documentos e ferramentas de seguridade documental.
“A nosa misión é crear un mundo dixital máis seguro protexendo activos dixitais mediante a mellor tecnoloxía anti spoofing”, explica Mike Díaz de Otazu, CEO da compañía. Na xerga do sector, denomínase anti spoofing ás técnicas de detección de suplantación de identidade que contribúen a protexer os dereitos dos usuarios e das empresas coas que estes interactúan no seu día a día, como poden ser o banco, a empresa de telefonía móbil, un hotel... “Mediante un selfie e un documento de identidade, Alice Biometrics intervén no proceso de alta en liña, verificando que é un documento lexítimo, que a persoa que hai detrás é real e que esa persoa non está a atacar o sistema”, comenta Díaz de Otazu.
Traballan principalmente para dúas tipoloxías de clientes. Por unha banda, sectores regulados como o financeiro, o mundo crypto, hospitality e hoteis ou apostas. “Por exemplo, cada vez que vas a un hotel teñen a obrigación de pedirche unha documentación para poder mandala á policía. Nós axudámoslles de maneira online sen colas de espera e cumprindo coa regulación. O mesmo pasa co sector das apostas, que tamén teñen a obrigación de verificar quen son os seus clientes: que non estean na lista de prohibidos, menores de idade…” detalla. Doutra banda, tamén ofrecen os seus servizos a plataformas de mobilidade compartida (de motocicletas, coches…). “Xeralmente, cando vas rexistrarte nunha destas aplicacións pídenche o carné de conducir, o DNI… Alice Biometrics permite que se faga este proceso dunha maneira eficiente e rápida, de modo que o cliente poida coller o coche e acceder ao servizo de forma automatizada”.
Como sinala Díaz de Otazu, o sector require estar constantemente evolucionando, buscando novas solucións e adestrando os seus modelos de intelixencia artificial. De feito, traballan en novos casos de uso vinculados, por exemplo, ao proceso de autenticación cando ao usuario se lle esquece o contrasinal e non ten acceso ao nin ao mail nin ao móbil; ou a solucións de biometría que eviten utilizar o dobre factor de autenticación a través de SMS para facer fronte a unha fraude chamada SIM swapping, consiste en duplicar a tarxeta SIM do teléfono móbil dunha persoa. A futuro, tamén buscan expandirse cara a novos activos como, por exemplo, detectar fraude en vídeos e fotografías que circulan por internet para protexer a creación, a autoría, a edición e distribución destes materiais.
Líderes globais desde o mercado local
Alice Biometrics demostrou que, grazas á súa punteira tecnoloxía, pódese competir con gran impacto nun mercado global sendo unha empresa pequena e local. “Nos últimos dous anos verificamos máis de 10 millóns de identidades de usuarios en todo o mundo”, recalca.
De feito, o prestixioso Instituto Nacional de Estándares e Tecnoloxías estadounidense (NIST), dependente do ministerio de defensa, publicou este ano os resultados do test NIST FATE PAD (Presentation Attack Detection) para provedores de Proba de Vida, quedando Alice Biometrics en primeira posición entre as compañías dedicadas a vídeo-identificación remota a nivel mundial, o cal marcou todo un fito para a compañía.
Ademais, a empresa galega foi elixida por Google para ser unha das 15 startups en integrar a primeira edición a nivel europeo do seu programa Growth Academy, que terá un claro foco en apoiar na súa aceleración a empresas europeas focalizadas en ciberseguridade.
Para o futuro, o principal reto ao que se enfrontan como empresa é, en realidade, un desafío global de toda a sociedade. Na era da dixitalización e o avance cada vez máis forte das novas tecnoloxías, existe un alto grao de preocupación por establecer contornas seguras para que empresas, persoas e organismos poidan desenvolverse sen medo ás ameazas que abundan con frecuencia na rede. “O número de apertura de contas fraudulentas no sector financeiro hai tres ou catro anos estaba por baixo do 5% e agora xa se duplicou, sendo nalgúns subsectores como o crypto ou os neobancos por encima do 10%”, alerta Mikel Díaz de Otazu. “Cada vez estanse capacitando máis os criminais que antes actuaban no mundo offline para actuar da maneira máis capacitada e profesional no mundo en liña porque é moi fácil, non tes que ir atracar un banco, xa que desde a túa propia vivenda podes atacar bancos de todo o mundo. É o reto no que todos nós estamos a tentar minimizar eses riscos que existen na internet. Ese é o noso reto, o poder crear un mundo dixital máis seguro e axudar á sociedade neste sentido”, conclúe.