
Ao día!

Proplantae, innovación biotecnolóxica para unha agricultura sustentable
Proplantae é unha startup biotecnolóxica especializada en sanidade vexetal. O proxecto foi fundado en 2021 por Vanesa Redondo Fernández, doutora en Biotecnoloxía pola Universidade de Vigo, quen decidiu emprender tras moitos anos de investigación na área do diagnóstico e o biocontrol e cunha sólida experiencia ás súas costas en diferentes centros de investigación, como o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, a Universidade de Vigo, a Estación Fitopatolóxica Areeiro ou The James Hutton Institute.
Baseándose en principios como a sustentabilidade, a protección do medio e a calidade, o seu principal obxectivo é ofrecer servizos de diagnóstico fitopatolóxico asociado a especies fúnxicas, así como a prescrición de tratamentos dos patóxenos diagnosticados con produtos sustentables, evitando o uso de fitosanitarios e promovendo o desenvolvemento de novos produtos a partir de microorganismos, extractos de plantas ou valorización de residuos. “Atopámonos nun momento de cambio. As nosas prácticas deben ser máis respectuosas co medio ambiente e é aí onde reside a nosa proposta de valor: a aplicación do coñecemento de anos de investigación na área do biocontrol con extractos de plantas, microorganismos, micorrizas etc., no control das enfermidades dos nosos cultivos”, explica Vanesa Redondo.
Actualmente, a empresa aúna dúas liñas de traballo. En primeiro lugar, unha liña de servizos, enfocada ao diagnóstico das enfermidades das plantas, a prescrición de tratamentos sustentables e o desenvolvemento de proxectos colaborativos de I+D+i con empresas e institucións públicas onde investigan novas solucións para a agricultura do futuro. Este servizo, que está xa no mercado, está avalado por unha carteira de clientes tan relevantes como Cosecha de Galicia, Adegas Marqués de Vizhoja ou Hifas da Terra.
Doutra banda, buscan desenvolver unha liña de produto. “Para iso contamos cunha colección de microorganismos que poden actuar como bioestimulantes ou axentes biocontrol. Un deles atópase xa depositado na colección española de cultivos tipo con fins de patente”, explica a súa fundadora. “Esta cepa demostrou ter un alto poder antagonista fronte a unha gran colección de patóxenos que ten un valor diferenciador fronte a outras, pois é capaz de crecer a un rango de temperaturas moi baixo, factor clave para que os microorganismos sobrevivan en condicións invernais, facendo o noso produto máis competitivo que outras solucións que se atopan no mercado”, continúa Redondo.
Os principais clientes de Proplantae son outras empresas, principalmente do sector agroalimentario. “Traballamos con pequenos produtores, así como con grandes adegas, pasando por marcas tan coñecidas e queridas como Estrela Galicia, a través de Cosecha de Galicia, coa que estamos a piques de asinar un convenio de colaboración para realizar traballos de investigación en cultivos como o lúpulo e a vide”, detalla.
Proplantae foi un dos proxectos acelerados na cuarta edición da Business Factory Food, a aceleradora do sector alimentario de Galicia, impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada por Clusaga. Ademais do apoio económico e o acceso a formación en materia de emprendemento, o seu paso permitiulles desenvolver unha nova liña de negocio denominada Provide, que é un servizo especializado en materia de sanidade vexetal para viticultores e adegas. “Grazas ao investimento en equipamento, implantamos novas técnicas para poder diagnosticar un gran abano de patóxenos, como virus ou bacterias. Estudamos nas parcelas do noso mentor, Viña Costeira, a persistencia da nosa cepa de Trichoderma, que se trata dun microorganismo beneficioso que pode controlar as enfermidades de madeira da vide, e que agora volveremos ensaiar nas parcelas do Agacal en Leiro, Ribadumia”, resalta Vanesa Redondo.
Retos de futuro
O esforzo innovador de Proplantae levoulles en 2022 a ser seleccionada como unha das 100 startups españolas máis innovadoras do ano nos premios organizados polo diario El Referente. “Procedemos do mundo da investigación, somos expertos en diagnóstico e biocontrol, pero sobre todo somos expertos en buscar solucións mediante a investigación, tomando datos e analizándoos de forma obxectiva. Os microorganismos son fonte de moitas das solucións que existen na actualidade e serán solucións doutros moitos problemas porque aínda nos queda moito por descubrir, é aí onde o noso coñecemento nesta materia ten moito que achegar”, explica. De feito, destaca que “os fungos foron desde a orixe da humanidade unha fonte de recursos. Pensemos no viño, cervexa, pan ou a penicilina. Neste momento describíronse unhas 150.000 especies, pero calcúlase que haxa máis de 3 millóns de especies. Non sabemos case nada... e cada vez hai máis cepas microbianas que se usan como axentes de biocontrol ou bioestimulantes”.
A curto prazo, o seu obxectivo é aumentar a carteira de clientes na liña de servizos para que o volume de facturación permita afianzar ao persoal e instalacións e, a medio prazo, desenvolver unha liña de produtos a base de microorganismos beneficiosos que van identificando, ensaiando e que presenten un valor diferencial. De feito, actualmente dispoñen xa dunha colección duns 300 microorganismos propios, moitos deles de alta importancia para contribuír ao desenvolvemento de produtos agrobiolóxicos. “A investigación é un proceso lento e caro, que necesita de moito investimento e coñecemento, e sobre todo de esforzo. Esperemos que o esforzo do pasado dea os seus froitos no futuro”, conclúe.