
Ao día!

Entrevista a Juan José López Muñoz, presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia
A auga mineral, a lousa e a tella, unha parte importante da enerxía que se consome, a arxila para facer cerámica, o granito que levanta os edificios e as casas, as estradas e pontes polas que se circula, os áridos e metais para facer os materiais de construción… e un longo etcétera. Todo depende dos elementos da explotación mineira. Abordamos a importancia do sector en Galicia, así como os seus retos e desafíos de futuro, da man de Juan José López Muñoz, presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia.
Cales son os cometidos da Cámara Oficial Mineira de Galicia?
A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) representa os intereses da industria mineira en Galicia, que engloba a máis de 200 empresas, ás que tamén asesora en materia de innovación, sustentabilidade, formación e normativa. A COMG actúa de nexo e altofalante desta industria con outros sectores, órganos gubernamentais e a sociedade en xeral, creando unha contorna de confianza, colaboración e transparencia.
Galicia representa o 8,2% da produción mineira de España e achega unha facturación de 280 millóns de euros anuais á comunidade. Con que fortalezas conta o sector?
A nosa comunidade permanece nos primeiros postos de produción e tamén de emprego mineiro grazas a varios factores, comezando pola diversidade de recursos minerais que ten a nosa terra: pedra natural, áridos, minerais industriais e metálicos, sen esquecernos das augas.
Esta riqueza proporcionou durante séculos unha base sólida para desenvolver unha tradición mineira arraigada ao noso rural que cultivou un profundo coñecemento do subsolo e impulsou a adopción de tecnoloxías avanzadas na extracción e procesamento de minerais. A innovación tecnolóxica converteuse nun punto fundamental, mellorando a eficiencia operativa e reducindo os impactos ambientais. Ademais, a infraestrutura loxística coa que contamos a través de estradas e portos facilita a competitividade do sector.
Que papel xoga a minería como aliada doutros sectores estratéxicos para Galicia e como garante da transformación do actual modelo enerxético?
A minería é a primeira peza na engranaxe de sectores esenciais como a construción, a industria manufactureira e a tecnolóxica. Desde o granito utilizado en infraestruturas ata metais, que son fundamentais na fabricación de produtos electrónicos, a minería é unha compoñente vital na cadea de subministración.
A minería tamén está na vangarda do desenvolvemento de tecnoloxías sustentables ao proporcionar minerais críticos para a industria, a fabricación de dispositivos como paneis solares e baterías de almacenamento. Este enfoque contribúe directamente á transición cara a un modelo enerxético máis sustentable.
En termos de eficiencia enerxética, a minería impulsa a innovación ao adoptar tecnoloxías avanzadas nas súas propias operacións. Este compromiso coa sustentabilidade establece estándares que poden inspirar a eficiencia enerxética noutros sectores.
Cara a onde debe avanzar a minería galega en materia de sustentabilidade?
A minería galega está a avanzar decididamente cara a prácticas máis sustentables, demostrando un compromiso coa responsabilidade ambiental e social para asegurar impactos positivos a longo prazo. Enerxías limpas, eficiencia no uso da auga, redución da pegada de carbono, reciclaxe de materiais, aproveitamento dos estériles, restauracións ecolóxicas... son conceptos que a industria mineira aplica no seu día a día.
A sustentabilidade non ten que ver só co medio ambiente. Tamén se fomenta a participación comunitaria e a transparencia, así como a xeración de riqueza e oportunidades de emprego que contribúen á sustentabilidade social.
Finalmente, a procura de certificacións recoñecidas internacionalmente subliñan o compromiso da minería galega con prácticas sustentables. Estes esforzos colectivos están a posicionar a minería galega como un actor líder en sustentabilidade, sendo a comunidade española con máis empresas certificadas na norma UNE 22480, de Xestión Mineira Sostible.
En colaboración coa Xunta, vén de crearse a Oficina de Impulso de Proxectos Europeos. Cales son os seus obxectivos?
A OIPE nace baixo o marco da Axenda de Impulso á Minería Sostible de Galicia co obxectivo de prestar servizos, apoio e asesoramento tanto á Administración Pública como ás empresas do sector mineiro na captación de diferentes liñas de financiamento europeas no plano da I+D+i. A meta final é conseguir un sector máis moderno e competitivo. Os primeiros pasos están sendo moi positivos, vinculando o ecosistema innovador galego, desenvolto na contorna da Axencia Galega de Innovación, e a industria mineira, formada fundamentalmente por pemes.
A través de SmartMin Tech, a Xunta aposta pola transformación integral do sector mediante a búsqueda de solucións innovadoras a través da Compra Pública Innovadora. Cales son principais retos do sector mineiro en materia de I+D?
A implementación de sistemas de automatización e dixitalización é outro desafío crucial. Isto require a aplicación de técnicas de intelixencia artificial, big data, machine learning e sistemas de control avanzados para mellorar a eficiencia e a seguridade nas operacións mineiras e, por suposto, a investigación sistemática de presenza de recursos.
A xestión de estériles mineiros tamén representa un reto importante, coa necesidade de desenvolver métodos innovadores e sustentables que permitan reaproveitalos, fomenten a reciclaxe e minimicen os impactos ambientais. As restauracións con estes obxectivos son unha demanda da industria.
E, por suposto, a simplificación administrativa mediante o emprego de técnicas de xestión de datos, dixitalización dos expedientes que permitan unha xestión administrativa áxil e adecuada, e a adaptación constante ás cambiantes normativas ambientais e sociais tamén se presenta como un desafío importante, así como o investimento na formación e desenvolvemento do talento no sector para garantir profesionais capacitados para implementar novas tecnoloxías e abordar desafíos emerxentes.