
Ao día!

Entrevista a María Gómez-Reino, consultora en Econet (grupo FundingBox)
O Programa Oportunius é unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, cuxo obxectivo é xerar oportunidades para o persoal investigador excelente que queira desenvolver a súa carreira científica en Galicia reforzando as opcións de acceso e os beneficios asociados ás axudas do European Research Council (ERC). Econet, empresa especializada en financiamento público, colabora coa iniciativa desde 2014, axudando na preparación e asesoramento de candidaturas.
Que tipos de bolsas European Research Council (ERC) existen e cales son as súas características principais?
As axudas ERC están abertas a investigadores de calquera idade, etapa na súa carreira e nacionalidade, podendo distinguir tres esquemas principais individuais (Starting, Consolidator e Advanced Grants), un esquema para grupos (Synergy Grant) e un esquema (Proof of Concept) para explorar o potencial de comercialización ou social dos resultados obtidos no seo de proxectos ERC.
A súa finalidade principal é a de proporcionar financiamento atractivo a longo prazo para apoiar a investigadores excelentes e aos seus equipos de investigación na realización de investigacións innovadoras e ambiciosas, que conduzan a avances nos límites do coñecemento e establezan un obxectivo claro e inspirador para a investigación fronteiriza en toda Europa. Un dato moi importante é que a excelencia é o único criterio de avaliación do ERC: excelencia a nivel de proxecto e de investigador principal.
Que impacto supón para unha persoa investigadora contar con esta axuda?
O principal impacto de recibir unha axuda do ERC é o apoio financeiro que supón a mesma, permitindo aos investigadores realizar os seus proxectos “soñados” dunha maneira independente. Ademais, o feito de recibir unha axuda do ERC outorga prestixio e recoñecemento, xa que son altamente competitivas e recoñecidas a nivel internacional, outorgando así mesmo visibilidade ao investigador principal (IP) e a súa organización de acollida. Finalmente, conlevan un impacto científico, xa que son proxectos que empuxan os límites do coñecemento e conducen a miúdo a descubrimentos innovadores e avances en varios campos, contribuíndo ao impacto científico e social xeneral.
Que condicións hai que cumprir para optar a unha bolsa ERC e que aspectos se deben ter en conta antes de tomar a decisión de participar nunha convocatoria?
Os únicos condicionantes para poder presentarse a unha bolsa ERC é contar cunha Organización de Acollida, e cumprir o rango de anos de obtención da tese para cada unha das tipoloxías que existen.
En canto aos aspectos que se deben ter en conta, o primeiro é valorar a idea, que supoña un impacto máis aló do estado da arte e que estea na fronteira do coñecemento. Máis aló da idea e ao ser convocatorias tan competitivas, é importante valorar o currículo vitae do investigador principal, revisando os CVs de antigos gañadores e dedicar tempo á elección do panel de avaliación axeitado, que pode ser determinante.
De que fases consta o proceso de selección?
O proceso de avaliación do ERC consta de dúas fases principais: unha primeira onde hai unha avaliación remota da sección B1 da proposta, e da cal saen ata un máximo de 44 propostas a fase 2. Na fase 2 da avaliación (remota), avalíase a proposta completa (parte B1, B2 e orzamentos) e realízase unha entrevista aos investigadores principais, que actualmente adoita ser de maneira remota. Desta fase sairán as propostas seleccionadas, e todos recibirán o informe de avaliación, que é de gran valor para volverse a presentar. É importante ter en conta que existen penalizacións para volverse a presentar segundo a valoración obtida.
Colaboran co programa Oportunius, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación. Na súa experiencia formando e asesorando candidatos, en que aspectos principais poñen o foco e cales son as claves para conseguir propostas exitosas?
Desde Econet somos especialistas en financiamento público europeo e a nosa misión é conseguir canto maior retorno mellor para os nosos clientes. Colaboramos con Oportunius desde os inicios do programa xa que participamos no seu deseño alá polo ano 2014, pois naquel momento, o retorno de Galicia no programa ERC era bastante baixo en comparación con outras rexións españolas.
Tras case 10 anos apoiando a candidatos, avanzouse moito no posicionamento de Galicia, empezando por que os investigadores teñen un maior coñecemento da axuda e da súa propia situación con respecto a beneficiarios previos grazas á formación que se imparte e aos informes individuais que se ofrecen no marco de Oportunius. Unha vez que toman a decisión, o principal é preparar as propostas con tempo e aproveitar os diferentes recursos de apoio dispoñibles, non só os de Oportunius senón tamén aqueloutros existentes a nivel nacional, por exemplo os que prestan os National Contact Points.
Unha importante reflexión que debemos realizar é a de pensar na nosa idea e o por que, sendo tan rompedora, non se fixo antes; o por que es ti e non outra persoa a adecuada para realizala e por que é agora o momento ideal para iso. Reflectindo isto na túa candidatura e asegurando que cumpres os requisitos, terás maiores oportunidades de resultar elixido.
Que fortalezas e oportunidades cre que ofrece Galicia para desenvolver unha carreira científica excelente?
Galicia é un territorio atractivo para desenvolver o potencial profesional das persoas, especialmente no ámbito científico, xa que posuímos un ecosistema de I+D+i amplo onde están as 3 universidades, pero tamén importantes centros de investigación e centros tecnolóxicos. Ademais do potencial das nosas entidades, que por si só é unha fortaleza, como o demostra o feito de que xa contamos con 36 ERCs en Galicia, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, pon ao dispor dos investigadores varias accións de soporte, como é o propio programa Oportunius.