Inicio
Actualidade

Ao día!

02/01/2024

Expertos galegos en refrixeración intelixente

Comparte este artigo

Con sede en Bergondo (A Coruña), a empresa Gradhoc nace da necesidade de evolucionar o concepto tradicional de refrixeración industrial cara a un modelo preditivo e con intelixencia artificial

Cofrico, empresa galega con máis 38 anos de traxectoria no sector do frío industrial e comercial, envorcou en Gradhoc toda a experiencia, espírito innovador e coñecemento xerado a través da súa aposta pola I+D+i co desenvolvemento dunha plataforma cloud para a optimización da refrixeración. Esta spinoff é o resultado de anos de traballo e esforzo dun equipo STEM multidisciplinar, composto por persoal de IT, enxeñeiros, físicos, matemáticos, etc. O seu propósito: avanzar cara á unha conservación alimentaria ao menor custo como camiño á descarbonización. “Gradhoc nace coa intención de axudar á descarbonización e optimización dos recursos dispoñibles no planeta, co fin último de que os nosos clientes optimicen os custos enerxéticos, de mantemento e de rotura da cadea alimentaria”, explica Julio Fernández Teijeiro, xerente de Gradhoc.

Gradhoc, participante na V edición de Business Factory Food, busca dar resposta a grandes retos que se producen no campo da refrixeración industrial, entre eles: as perdas de mercadoría debido a malos funcionamentos das cámaras de refrixeración, o elevado consumo enerxético cando o sistema de frío non funciona de forma óptima ou as paradas de produción debido a fallos derivados dun mantemento que se realiza na maior parte dos casos de forma correctiva e manual, sen datos nin información.

Apoiándose en tecnoloxías como o internet das cousas, a intelixencia artificial, o machine learning ou o xemelgo dixital, Gradhoc avanza cara a unha refrixeración 5.0, posicionándose no mercado de forma moi competitiva, tanto a nivel nacional como europeo. “A nosa gran vantaxe é que a ferramenta Gradhoc sobrescribe e traballa de forma autónoma en función dos valores que calculan os algoritmos. Trasladamos todo o coñecemento frigorífico á ferramenta e, na gran maioría de casos, aproveitamos a instrumentación existente na instalación. Nalgunha delas, sen investimento adicional en hardware, reducimos os custos enerxéticos en ata un 50%”, resalta Fernández Teijeiro.

O software permite a optimización da instalación de frío e o seu mantemento, cun 70% de actuacións autoexecutables. Deste xeito, ofrece numerosas vantaxes para a industria alimentaria: reduce o número de intervencións, de equipos parados e de custos de mantemento; garante unha maior seguridade e calidade alimentaria; cumpre funcións relacionadas co mantemento preventivo e preditivo, grazas á intelixencia artificial, que xera eventos que se adiantan ás alarmas e realiza accións automáticas antes de que se produza o fallo; e mellora a eficiencia e o aforro enerxético da industria, reducindo custos e pegada de carbono.

A súa tecnoloxía contribúe a unha maior eficiencia, sustentabilidade e competitividade en sectores como retail (supermercados, centros loxísticos…), hortofrutícola, lácteo, cárnico ou mesmo hoteis, hospitais ou pharma.

Actualmente Gradhoc está implantado en 50 instalacións de toda España e están a realizar xa varios proxectos piloto en Chile, Francia, Hungría e Italia. De fronte ao futuro, “o noso maior reto é axilizar o ciclo de compra dos nosos clientes, xa que ao ser un produto innovador, sempre xorden dúbidas ou escepticismos, aínda que os resultados e datos aválannos. Estamos a realizar probas piloto en varias cadeas de supermercados a nivel nacional e internacional, e en todas, os resultados foron moi positivos, polo que un dos maiores retos será poder absorber o crecemento dunha forma sustentable e organizada”, conclúe.

Tamén pode interesarche