
Ao día!

Entrevista a Jesús Lago, director xeral de AIMEN
O Centro Tecnolóxico AIMEN, con máis de 55 anos de traxectoria de actividade, é na actualidade un referente nacional e europeo en investigación, desenvolvemento e innovación nas áreas de fabricación avanzada e fabricación láser, tecnoloxías dixitais para a fabricación, materiais intelixentes, sistemas intelixentes e reciclaxe. Abordamos co seu director xeral, Jesús Lago, o seu papel e impacto no ecosistema empresarial e industrial galego.
En que sectores están enfocados e cal é o papel de AIMEN na cadea de valor do tecido empresarial galego?
AIMEN está presente nos principais sectores de actividade industrial de Galicia (automoción, construción naval, aeronáutico, metalmecánico ou enerxético, entre outros). Como centro tecnolóxico focalizado no ámbito dos materiais e os procesos de fabricación avanzada, o noso papel na cadea de valor pasa por apoiar á industria na transformación dos seus procesos a través da incorporación das tecnoloxías máis innovadoras e a transferencia de coñecemento.
Cales son os servizos máis destacados que lles ofrecen ás empresas?
As actividades de I+D+i colaborativa con empresas en forma de proxectos de innovación, orientados á mellora de produtos e procesos, mediante a incorporación de novos materiais e tecnoloxías dixitais de fabricación. A isto úneselle un amplo catálogo de servizos que ofrecen solucións tecnolóxicas avanzadas e innovadoras que achegan valor aos produtos e procesos industriais e axudan ás empresas a ser máis competitivas.
Cales son as liñas prioritarias de I+D de AIMEN?
Destacaría aquelas liñas de investigación e servizos tecnolóxicos para acompañar á industria na súa transformación cara a produción intelixente e sustentable.
Seguimos apostando pola fabricación avanzada en particular, o desenvolvemento de procesos baseados en tecnoloxías láser, materiais compostos e funcionais, e a fabricación aditiva. Así mesmo, as liñas de I+D+i relacionadas coa dixitalización dos procesos, a intelixencia artificial aplicada á fabricación están experimentado un incremento notable.
En cantos proxectos de innovación están traballando actualmente e cales son os máis destacados?
Ao longo de 2023 traballamos en máis de 100 proxectos de I+D+i polo que resulta complicado destacar uns poucos. Nos últimos 5 años conseguimos crecer na nosa participación en programas europeos, en particular en Horizon 2020, agora en Horizon Europe, así coma en Cleansky 2; e desde hai unhas semanas somos membro asociado da iniciativa Clean Aviation.
Na actualidade máis de dous terzos dos proxectos de I+D+i que executamos teñen financiamento europeo. Como exemplo de proxecto multidisciplinar, gustaríame mencionar o proxecto Level-Up coordinado por nós e que acaba de rematar. Neste proxecto desenvolvemos diferentes metodoloxías de implementación de principios da economía circular en fabricación. En particular, desenvolvéronse protocolos de mantemento, reparación e mellora de instalacións industriais de gran dimensión e investimento para aumentar a súa vida útil. En AIMEN tamén desenvolvemos unha celda láser que se pode levar directamente ás empresas para efectuar reparacións in situ.
Outro exemplo de iniciativa moi interesante é Dommnio. Neste proxecto búscase combinar diferentes procesos de fabricación aditiva en materiais compostos para a fabricación da próxima xeración de fuselaxe multifuncional nos avións do futuro.
Pero tamén seguimos participando en iniciativas galegas de maior importancia para o Centro, como por exemplo Facendo 4.0 e 4.0 Driveline, lideradas por Stellantis Vigo e GKN Driveline Vigo, respectivamente, que finalizaron este ano e que nos permitiron, grazas ao apoio da Xunta de Galicia, traballar con estas empresas na problemática de desenvolver e implantar tecnoloxías 4.0 nos seus procesos produtivos.
Por último, destacamos o noso posicionamento en convocatorias nacionais, onde somos especialmente activos no programa da Axencia Estatal de Investigación de colaboración público-privada, desenvolvendo proxectos innovadores en estreita colaboración tanto con industrias nacionais, como Iberdrola, e galegas como Finsa, empresa coa que presentamos o proxecto Packtabla da convocatoria 2022. Trátase do segundo proxecto máis grande dos máis de 300 seleccionados na convocatoria.
Cara a onde se encamiña o campo dos materiais e a fabricación avanzada?
Vemos un crecemento moi importante na investigación sobre o uso dos materiais compostos para o sector transporte e a aeronáutica. Permitirán reducir o peso de forma considerable ás próximas xeracións de aeronaves, pero por outra parte presentan máis desafíos para a súa integración en conceptos de economía circular.
Outro campo que segue crecendo no Centro é o desenvolvemento de procesos, tecnoloxías e aplicacións de fabricación aditiva tanto para metais como polímeros e composites. A Comisión Europea está impulsando o desenvolvemento de proxectos sobre estas tecnoloxías porque permiten cambiar en profundidade a forma que temos de deseñar e fabricar pezas, pero sobre todo aforrando recursos materiais e enerxéticos.
Aínda así, quedan moitas barreiras por superar para que o seu uso se poida democratizar na industria, entre as actuais están por exemplo o aumento da produtividade ao asegurar a calidade das pezas fabricadas.
Que papel xoga o Centro de Aplicacións Láser de AIMEN e cal é o seu impacto na industria?
En 2024 celebraremos 20 anos dos inicios da actividade de AIMEN no campo do procesado láser de materiais. E esta actividade segue crecendo ano tras ano. Na actualidade dispoñemos de máis de 20 fontes láser que empregamos para o desenvolvemento de proxectos e a realización de servizos tecnolóxicos.
A parte de realizar proxectos de I+D nese campo, tamén estamos axudando ás empresas galegas e españolas a implantar a tecnoloxía láser. Nos últimos 5 anos vemos un interese crecente da industria por estas tecnoloxías e, por isto, creamos todo un catálogo de servizos tecnolóxicos que cobren desde a idea inicial de produto ata a implementación no seu proceso de fabricación. Axudar á industria en xeral, e ás pemes en particular, a implementar as tecnoloxías láser é un dos nosos propósitos.
No ano 2020 lanzámonos a coordinar a iniciativa europea Pulsate, que agrupa a outros centros tecnolóxicos referentes en Europa e ten ese mesmo obxectivo.
Veñen de cumprir 55 anos, cales son os retos de futuro?
Actualmente estamos nunha situación absolutamente récord tanto en número de proxectos como de persoal, polo que o noso principal obxectivo no futuro é consolidarnos como un centro de referencia europeo nos procesos de fabricación avanzada e novos materiais.