Inicio
Actualidade

Ao día!

06/02/2024

O novo Catálogo de Recursos Naturais de Galicia xa pode consultarse na Materioteca

Comparte este artigo

Composto por 122 produtos, este catálogo é resultado da iniciativa conxunta da Cámara Oficial Mineira de Galicia e a Axencia Galega de Innovación

Xa se pode consultar na web da Materioteca de Galicia o novo Catálogo de Recursos Naturais, desenvolto co obxectivo de promover e difundir o potencial mineiro galego, e en especial, o que poida considerarse de carácter estratéxico. Composto por 122 produtos, este catálogo é resultado da iniciativa conxunta da Cámara Oficial Mineira de Galicia e a Axencia Galega de Innovación, que se presentou o pasado 13 de decembro na sede da Materioteca de Galicia, o CIS Tecnoloxía e Deseño en Ferrol.

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, explicou durante a presentación que o novo catálogo de Recursos Naturais xorde para dar resposta a tres retos: a posta en valor dos recursos xeolóxico-mineiros de Galicia, a transición cara a un novo modelo de interrelación entre a Administración e o sector mineiro e a mellora da sustentabilidade a través da Compra Pública de Innovación, do mesmo xeito que outras accións que foron impulsadas recentemente como a posta en marcha da oficina para a captación, coordinación e seguimento de fondos europeos ou o proxecto SmartMin Tech, destinado a transformar o sector mineiro galego e abordar desafíos ambientais e de economía circular a través da Compra Pública de Innovación. 

Trátase dun proxecto que favorece sinerxías e a posta en valor de recursos que ata o momento non tiñan aplicación, contribuíndo ademais á sustentabilidade da industria e a súa circularidade. Os traballos baseáronse na elaboración de fichas tanto de produtos como subproductos dos recursos de orixe mineral, a clasificación estratéxica dos estériles con posible valor engadido, o deseño dun mapa de recursos dispoñibles do sector mineiro e unha imaxe gráfica para o proxecto. 

A iniciativa, na que cabe destacar a colaboración da Axencia Galega de Innovación e o CIS Tecnoloxía e Deseño, enmárcase na Axenda de Impulso da Minería Sostible de Galicia 2030 e inclúe máis de 120 produtos de orixe mineral.

Materioteca de Galicia

O Catálogo de Recursos Naturais de Galicia pasará a formar parte da Materioteca, un espazo de difusión de novos materiais que combina unha exposición física no CIS Tecnoloxía e Deseño e un arquivo dixital de mostras clasificadas para facilitar a transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial e estimular a innovación intersectorial. A Materioteca ofrece servizos especializados segundo o perfil do usuario, apoiando a profesionais do deseño, enxeñería e arquitectura na procura de materiais necesarios para os seus proxectos; axudando a investigadores e tecnólogos a dar visibilidade aos seus materiais para facilitar a súa transferencia á industria; e asistindo a responsables de innovación empresarial na localización de materiais adecuados para os seus retos de innovación.

Tamén pode interesarche