Inicio
Actualidade

Ao día!

08/02/2024

Bolsos sustentables con alma atlántica

Comparte este artigo

A firma Mundaya, adherida a Artesanía de Galicia, propón bolsos sustentables, funcionais e atemporais, pensados para perdurar no tempo

Detrás de Mundaya, unha marca galega de bolsos artesanais con sede en Santiago, atopamos a Lara Santomé. Moi inqueda, estudou informática, deseño de interiores e deseño de produto, pero foi finalmente cunha máquina de coser que lle regalou a súa parella en 2010 cando atopou a ferramenta perfecta para volcar toda a súa creatividade. 

Aínda que de nena estivera en contacto coa costura da man da súa avoa Lela, comezou a experimentar de forma totalmente autodidacta. “Sen ter nin idea, o primeiro que fixen foi a funda dun sofá e un vestido de fin de ano”, lembra. Despois a curiosidade levouna a poñer o foco nos bolsos. Desmontou varios para ver como estaban feitos e despois poder replicalos, todo un proceso de deconstrución que lle serviu para aprender, descubrir de cantas pezas se compoñían, para que servía cada unha delas… 

Coincidindo cos seus estudos de Deseño de Produto na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, decidiu comezar a aplicar todos os coñecementos que ía adquirindo á construción e creación da súa propia marca. Tamén foi nese momento no que deseñou o primeiro bolso de Mundaya: unha peza de uso persoal especificamente para ir á clase. “Levaba moitas cousas enriba: portátil, rato, cargador, libros, carpetas, escalímetro… Precisaba un bolso con moita capacidade e resistencia “, explica. Esta necesidade levouna a investigar e descubrir tecidos como o algodón encerado, un material natural que ofrece lixeireza e impermeabilidade, unha propiedade que en Galicia é moi importante.

Fronte ao concepto de fast fashion, Mundaya propón bolsos sustentables, funcionais e atemporais, pezas cunha gran versatilidade deseñadas para ser compañeiras de vida durante moito tempo. De feito, traballa con modelos que leva facendo 8 anos e que seguen tendo éxito, como un dos seus best sellers, o Alondra. A clave desta atemporalidade, segundo Santomé, conséguese “a través da sinxeleza, o minimalismo, a aposta por formas que encaixan con moitas estéticas diferentes á hora de vestir e, por suposto, o uso de materiais que axudan a que a durabilidade se manteña no tempo”.

Os deseños de Mundaya xorden da observación de Lara Santomé das tendencias do mercado que vai detectando, pero tamén das achegas da propia comunidade de usuarios do seu perfil en redes sociais, aos que dúas veces ao ano lles consulta que botan en falta, que lles gustaría que incorporase a marca… En calquera caso, sempre están presentes unha serie de valores intrínsecos á marca. “En primeiro lugar, o bolso ten que ser funcional, útil para a vida cotiá. Por outra banda, busco que sexa o máis sustentable posible. Tento facer patróns que encaixen moi ben dentro do rolo de tecido, de xeito que queden poucos sobrantes. E se quedan, aproveito para facer un novo produto máis pequeno: un neceser, un estoxo…”, explica.

Deseño, marcado, corte, confección… Todo se fai no taller de Aríns (Santiago) nun proceso artesanal realizado con moito agarimo e gran atención aos detalles. Por iso, non hai dous bolsos Mundaya iguais. 

¿Que valoran os clientes de Mundaya? Lara Santomé teno claro: a relación de confianza que se establece no proceso de venda e que se reforza a través da conversación que xera a través das redes sociais. “Aínda que a venda sexa en liña, tento que a relación cos clientes sexa o máis parecida posible a unha tenda de barrio”. Ademais, detecta que a xente tamén valora cada vez máis o compromiso co local e co feito aquí”. Precisamente Mundaya é unha das marcas adheridas ao selo Artesanía de Galicia. “Ofrece moito valor engadido. Cada vez hai máis xente de fóra de Galicia que recoñece a marca e estar inscrito dache un respaldo e mesmo un status de calidade”.

Sobre o futuro e tras lanzar un novo branding da marca, sostén que sempre é importante ter un punto de ambición e que “os seguintes pasos é facernos máis grandes. Este ano conseguín chegar a unha tenda en Canadá e dúas en Estados Unidos. Isto anima moito e dache pulo a seguir traballando”.

Tamén pode interesarche