Inicio
Actualidade

Ao día!

22/02/2024

Entrevista a Francisco Millán, responsable do taller Frouma Atlantic Wood

Comparte este artigo

“A nosa artesanía ten todo para posicionarse na vangarda internacional”

Franscisco Millán vén de lograr o Premio Artesanía de Galicia ao frente de Frouma Atlantic Wood en Ribeira (A Coruña) deseñando mobles con madeira reutilizada procedente de bateas.

Cal é o xerme de Frouma Atlantic Wood? Cando viu a madeira de batea como unha oportunidade para crear mobles únicos e artesanais?

Nos seis anos anteriores á creación de Frouma, estiven traballando por múltiples países coas mellores empresas de ebanistería e de contract do mundo. Esta etapa, á vez que moi enriquecedora, tamén foi dura, xa que me obrigaba a pasar longas tempadas fóra da casa. Foi aquí onde a idea de Frouma empezou a rondar na miña cabeza. Quería establecerme na miña terra, en Ribeira, cun proxecto no que o eixo central fora Galicia e que fora máis alá do mero rendemento económico. Quería un proxecto que tivese valores e alma. Todas estas premisas conxugaban perfectamente utilizando a madeira de batea. Esta madeira, despois de máis de dúas décadas no mar, está chea de historias. É como un libro aberto gardando as súas vivencias na auga, ademais do seu carácter e beleza únicos, converténdose nun material excepcional para as nosas pezas.

Cales son os valores e signos de identidade de Frouma Atlantic Wood?

Os nosos valores son a paixón pola artesanía, o respecto polo medio ambiente e a búsqueda constante da excelencia. Tamén a reivindicación do tempo, ese tempo que leva o traballo artesán ben feito. Considero que é moi importante reivindicar a importancia do tempo ante a inmediatez do consumo actual. Creo que temos a obrigación de apostar por un modelo de negocio que sexa xusto e ético, onde as persoas e o respecto polo noso medio sexan primordiais. A nosa identidade está profundamente arraigada na conexión co mar e pola autenticidade, impregnada totalmente do noso carácter atlántico.

Que características lle confiren á madeira que empregan o feito de ter estado 25 anos baixo a auga?

A madeira que empregamos ten características únicas. O tempo baixo a auga dálle unha textura e cor especial, esas décadas nas nosas rías transmítenlle unha esencia e carácter únicos. Cada fenda transfórmase, cun pouco de traballo, nunha fermosa enruga chea de vivencias e historias, convertendo as nosas pezas en algo único e excepcional. A salinidade que lle achega o mar proporciónalle unha protección extra fronte a diferentes patóxenos da madeira.

Cal é o papel da economía circular no seu proxecto?

A economía circular forma parte da nosa esencia. Recuperamos a madeira de batea despois de máis de dúas décadas nas nosas rías dándolle unha segunda vida e transformándoa en pezas únicas e excepcionais. Non precisamos cortar ningunha árbore para a fabricación das nosas pezas. Toda a súa limpeza e preparación facémola sen utilizar para isto ningún tipo de axente químico. Ao mesmo tempo, todas as nosas pezas van protexidas con aceites e acabados naturais, libres de COV e que contan con certificados para uso alimentario e xoguetes infantís, entre outros. Colaboramos coa asociación de Sachos á Rúa cedéndolle as labras e serraduras que se producen ao traballar a madeira para facer compost. Agora mesmo tamén estamos en conversacións con comunidades de montes para plantar unha árbore autóctona por cada produto vendido.

Que tipo de mobles saen do seu taller?

Temos dúas liñas de negocio principais. Por unha parte, temos a colección formada polas nosas pezas, principalmente mobiliario auxiliar, mesas, cadeiras, bancos, lámpadas, etc. Por outra parte, colaboramos con estudos de arquitectura e interiorismo na elaboración de pezas ou proxectos á medida e adaptados aos gustos e necesidades específicas de cada proxecto. Todas as pezas se elaboran de xeito artesanal. Creamos pezas únicas cheas de historia e carácter atlántico.

A súa peza Noray recibiu o Premio Artesanía de Galicia 2023. Cales son as súas características?

Noray é moito máis que un simple taburete. É unha peza versátil que, ao mesmo tempo, se converte nunha lámpada capaz de crear unha luz indirecta de maneira sinxela grazas á súa batería integrada. Tamén se presenta como unha práctica mesiña auxiliar. A súa inspiración xorde dos “norays” ou morróns presentes nos portos galegos, utilizados para amarrar os cabos ao atracar os barcos. Noray emana do mar, sendo unha auténtica reivindicación do noso mar e da nosa xente, co seu carácter atlántico e a dureza que caracteriza á xente do mar, representada tamén pola madeira de batea coa que está elaborado. Non obstante, tamén reflicte a nosa afabilidade, semellante ao aceite que a remata. 

Esta peza está cargada de historia, impregnada de salitre en cada fenda. A madeira de batea coa que foi confeccionada adornou as nosas rías e foi protagonista na produción de mexillóns durante máis de vinte anos. Noray busca reivindicar o tempo, o tempo necesario para elaborar un traballo artesán ben feito. Trátase dunha loa ás segundas oportunidades, como a madeira que, despois de resistir tantos temporais e aparentemente non ter máis que dar, se converte nunha fermosa peza co paso do tempo e o esforzo dedicado, transformando o que antes parecían feridas en fermosas fendas. Ademais, esta peza fai un chamamento á sustentabilidade, pois case a totalidade dos seus materiais son reutilizados, desde a rede de pesca ata, por suposto, á madeira de batea. Noray é moito máis que unha peza: nace no mar como un tesouro atemporal, representando a esencia e o carácter inconfundible da nosa cultura atlántica.

Que lle achega formar parte de Artesanía de Galicia?

Ser parte de Artesanía de Galicia é unha honra para min. Proporciona un recoñecemento ao noso traballo e abre portas para compartir as nosas pezas a nivel nacional e internacional. É unha marca con prestixio internacional que pon en valor o bo facer da nosa rica e extensa tradición artesá. Permítenos difundir a nosa cultura e identidade a través do noso traballo.

Temos xente moi boa aquí, facendo cousas moi interesantes. Artesanía de Galicia axuda a dar visibilidade a todos eses artesáns. A nosa artesanía ten todo para posicionarse na vangarda da artesanía internacional, e o labor da Fundación Artesanía de Galicia é fundamental para isto.

Tamén pode interesarche