Inicio
Actualidade

Ao día!

01/03/2024

Impulsando o investimento empresarial en Galicia

Comparte este artigo

A Xunta vén de poñer en marcha o programa de atracción de empresas e investimentos a Galicia, unha convocatoria dotada con 30 M€ ata 2026 co obxectivo de beneficiar a unha vintena de iniciativas

O obxecto desta nova convocatoria, impulsada pola Xunta a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), é o de estimular a posta en marcha de grandes proxectos de investimento empresarial en Galicia. Deste xeito, busca favorecer a dinamización da actividade económica da Comunidade e potenciar o mantemento e a creación de emprego, a través do desenvolvemento e mellora das empresas existentes e a creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

Os apoios, que se dirixen ás pequenas e medianas empresas pola súa especial capacidade para xerar postos de traballo e constituír un factor de estabilidade social e de desenvolvemento económico, facilita o impulso de proxectos de creación de novos establecementos, de ampliación da capacidade dos existentes e de diversificación ou de cambios dos procesos de produción.

A convocatoria inclúe dous campos de actuación:

  • Proxectos que conten cun investimento empresarial de entre 800.000 euros e 10 millóns de euros en activos fixos tanxibles e intanxibles, obra civil, bens de equipamento, aplicacións informáticas ou adquisición de activos dun establecemento.
  • Proxectos de investimento igual ou superior a 100.000 €, cunha creación de emprego de 25 ou máis postos de traballo de carácter indefinido a tempo completo.

As achegas cobren ata o 35 % dos investimentos subvencionables ou dos custos salariais de ata 24 meses de todos os novos contratados, no caso das compañías pequenas, e o 25 % nas iniciativas promovidas por empresas medianas.

A convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, manterá aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o 30 de setembro de 2024, agás esgotamento de crédito.

Tamén pode interesarche