Ao día!
Marroquinería única e artesanal feita en Ribadeo
Ezequiel Franchi recalou en Ribadeo hai 12 anos, xunto coa súa esposa Jimena Guaglianone, tras sentir un verdadeiro frechazo coa localidade lucense durante unha visita de turismo. Nacidos en Arxentina e descendentes ambos de galegos, atoparon aquí o lugar perfecto para asentarse e poñer en marcha o seu proxecto de emprendemento, que se materializou coa apertura do seu taller artesanal Raíces Nómades Atelier.
Fusión atlántica
Tras formarse en Belas Artes na súa Arxentina natal e experimentar ao longo de máis de 20 anos con diferentes materiais, como a cerámica ou a prata, Ezequiel e Jimena atoparon no coiro “o material perfecto e definitivo” para poder desenvolver o seu talento creativo.
Do seu taller, que conta co selo Artesanía de Galicia, saen bolsos e complementos nos que a fusión é o principal aceno de identidade, pois neles mestúranse as técnicas clásicas da marroquinería fina europea cos trenzados e a soguería propios da cultura criolla. “É un proceso 100% artesanal real. A costura, os patróns, os acabados… todo está feito a man. Podemos investir ata 35 ou 40 horas na elaboración de cada peza. Isto tamén nos levou a seleccionar moi coidadosamente os materiais cos que traballamos, para que a súa calidade estea á altura do tempo que se emprega no proceso de creación”, detalla Franchi.
Na última edición dos Premios Artesanía de Galicia, convocados pola Xunta, Raíces Nómades resultou finalista con “Nasa”, unha peza na que Franchi recoñece “deixar a alma”. Trátase dun bolso de man realizado en pel de curtido vexetal, que busca reinterpretar a través da marroquinería e do trenzado aquelas nasas antigas elaboradas con madeira e vimbias. “Cando descubrimos as nasas quedamos verdadeiramente fascinados. Chamáronnos a atención non só como obxecto belo, senón tamén polo seu uso, pola tradición e por todo o que significa a cultura marítima de Galicia”, explica.
Un proceso de creación compartido
Para Ezequiel Franchi, compartir o proceso de elaboración das pezas personalizadas e mostrar como vai evolucionando a peza é clave. Ademais, “sempre tentamos que o cliente, se se atopa preto, poida vir ata o atelier a ver o proceso en directo, elixir os materiais, tocar as peles, ver as cores das cremalleiras, a calidade dos fíos…”, comenta. Grazas precisamente a esa conexión co obxecto, “ao final non levan só un bolso, senón toda unha experiencia. Esta é a forma que temos de contribuír a poñer en valor o noso oficio”, continúa. Precisamente nesta valorización destaca tamén o labor realizado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia. “Estou encantado. Non coñezo outra comunidade que teña unha fundación tan dedicada como esta, traballando e coidando ao tecido artesanal”, asegura.
Coa vista posta no futuro, gustaríalles expandir a marca e chegar a clientes fóra de España e mesmo de Europa, pero sen perder a esencia do artesanal, que é o que os fai únicos.