Inicio
Actualidade

Ao día!

26/03/2024

A Xunta apoia o desenvolvemento de cinco novos proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido con 8 millóns de euros

Comparte este artigo

Estas infraestruturas, tres Centros de Fabricación Avanzada e dous Centros Dixitais, buscan achegar servizos e produtos innovadores aos autónomos e pemes de Galicia

A Xunta de Galicia, en liña co seu compromiso de reforzar o tecido empresarial da comunidade, apoia o desenvolvemento de cinco novos proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido cun investimento previsto de 10 millóns de euros, dos cales achegará máis de oito.

Estas infraestruturas, tres Centros de Fabricación Avanzada e dous Centros Dixitais, buscan achegar servizos e produtos innovadores aos autónomos e pemes de Galicia, poñendo ao seu alcance tecnoloxías e recursos aos que doutro xeito non poderían optar debido aos elevados custos de investimento que implican.

A implementación destes centros está prevista non só para mellorar a competitividade do tecido empresarial galego mediante o acceso a servizos de vangarda, senón tamén para fomentar a innovación e a colaboración entre sectores. Estes proxectos representan un paso significativo cara á transformación dixital de Galicia, promovendo o seu desenvolvemento económico e tecnolóxico.

Servizos de vangarda ao alcance de calquera autónomo ou peme en Galicia

O centro de produción audiovisual avanzada na Cidade das TIC da Coruña contará con estudos de rodaxe e servizos de última xeración para a industria audiovisual galega. Este espazo, ademais de facilitar o acceso a tecnoloxías avanzadas para produtores locais, impulsará a creatividade e a produción de contido de alta calidade.

Unha instalación complementaria ao Laboratorio de Intelixencia Artificial da Cidade das TIC está tamén entre as iniciativas e centrarase en ofrecer servizos de demostración, prototipado e lanzamento de proxectos baseados en intelixencia artificial. Esta infraestrutura está deseñada para acelerar a adopción de IA no tecido empresarial galego, promovendo a innovación e o desenvolvemento de novas aplicacións e servizos.

O terceiro centro de fabricación avanzada, que se situará na área de Vigo, está orientado ao desenvolvemento e certificación de compoñentes de satélites e sen dúbida marcará un fito na industria espacial galega. Con instalacións preparadas para simular condicións espaciais, o centro ofrecerá servizos esenciais para a certificación de tecnoloxías satelitales e o desenvolvemento de tecnoloxías de propulsión eléctrica, abrindo novas oportunidades de negocio e colaboración no sector aeroespacial.

Os Centros Dixitais establécense con dous obxectivos principais: por unha banda mellorar a conectividade en toda a rexión e por outro facilitar a transformación dixital das empresas, especialmente en sectores emerxentes e nas pemes.

O primeiro destes centros é a creación do primeiro punto neutro de conectividade de Galicia en Santiago, un proxecto vital para mellorar a infraestrutura de telecomunicacións da rexión, proporcionando unha plataforma que mellora significativamente a experiencia dixital para empresas e consumidores por igual. Ao fornecer un acceso máis rápido e fiable a Internet, este punto neutro supón un paso esencial cara á eliminación de barreiras dixitais, especialmente en áreas rurais e remotas, promovendo así unha maior inclusión dixital e económica.

O segundo proxecto implica a posta en marcha dun centro dixital especializado en monitorización, produción remota e análise de vídeo, situado na Cidade das TIC. O centro enfocarase en ofrecer servizos avanzados que permitan ás empresas galegas adoptar e aproveitar as últimas tecnoloxías en análises de datos e produción de contido dixital. Este tipo de infraestrutura é crucial para as empresas que buscan expandir a súa presenza en liña e mellorar as súas capacidades de márketing dixital e comunicación, ofrecendo así novas oportunidades para innovar na forma de conectar coa súa audiencia.

Coa implementación destes cinco novos proxectos de infraestruturas de uso compartido, que abordan tanto a infraestrutura física necesaria para a conectividade, como as capacidades dixitais para a innovación empresarial, a Xunta evidencia a súa aposta pola transformación dixital e a innovación en Galicia, así como o seu obxectivo de posicionala como unha comunidade líder na economía dixital impulsando sectores estratéxicos como as TIC, turismo, saúde, loxística, biotecnoloxía ou agroalimentario.

A estratexia adoptada pola Xunta busca, ademais de potenciar as fortalezas existentes da comunidade, descubrir novas oportunidades de crecemento, fomentando a innovación cruzada e o desenvolvemento de solucións integradas a través da creación de sinerxias entre diferentes áreas de actividade. En particular, os Centros Dixitais alíñanse cos obxectivos do Fondo de Transición Xusta, buscando asegurar que a transformación dixital beneficie a toda a sociedade galega, reducindo a fenda dixital, especialmente en zonas rurais e entre as pemes, cara a unha economía máis dixitalizada e inclusiva.

Tamén pode interesarche