Ao día!
Rectoral do Umia aposta polo deseño para incrementar a súa competitividade
Con sede en Ribadumia, Rectoral do Umia leva máis dunha década elaborando albariños de gran personalidade baixo a denominación de orixe Rías Baixas, e un alto compromiso coa excelencia, o que se traduce en máis de 20 medallas de ouro internacionais.
As uvas proceden de 130 hectáreas de viñedos situados no Val do Salnés e Ulla. Ademais, contan coa colaboración de máis de 200 viticultores da zona que profesionalizaron o seu traballo nos últimos anos, colaborando estreitamente coa adega nos diversos controis que ao longo do ano se realizan nas selectas viñas.
A adega ten capacidade para 3.600.000 litros e caracterízase por conxugar tradición e vangarda tecnolóxica en 6.600 m2 de superficie construida.
Bodegas Gallegas, grupo ao que pertenece Rectoral do Umia, leva anos consolidándose no mercado internacional, con presenza en máis de 50 países dos cinco continentes.
Apoio de DeseñaPeme
Na actualidade, a empresa investirá máis de 108.000 euros para desenvolver a construción e deseño de marca 360º que defina, posicione e comunique un novo produto que se introducirá no mercado.
Trátase do albariño “Silandeiro”, un viño singular, con fermentación en ovos de formigón, cultivado e elaborado con uvas seleccionadas da subzona do Salnés. O plan de deseño estratéxico inclúe unha análise do segmento e posicionamento máis axeitado para este novo produto no mercado, establecendo así unha identidade de marca e unha estratexia de comunicación. Definiranse as canles de comunicación máis adecuadas para a súa difusión, notoriedade e crecemento.
Ademais, como elemento principal de deseño, investigaranse materiais e novos desenvolvementos para crear un envoltorio final para a botella, que supoña unha mellora na sustentabilidade respecto ás embalaxes que se están usando agora e que siga os criterios gráficos e de deseño establecidos na identidade de marca.
O programa DeseñaPeme apoia accións para conceptualizar e deseñar novos produtos, servizos e experiencias, así como mellorar a marca e identidade corporativa destas pemes. O obxectivo é promover a cultura da innovación continua e sistemática nas pemes galegas e, deste xeito, aumentar a súa competitividade.