Ao día!
Entrevista a Alfonso Martínez, director da Cidade das TIC (A Coruña)
A Cidade das TIC na Coruña, un proxecto ambicioso nos antigos terreos da antiga Fábrica de Armas, ten como obxectivo converterse nun referente tecnolóxico e innovador a nivel nacional e internacional. Para entender mellor o proxecto e as súas implicacións, entrevistamos a Alfonso Martínez, director da Cidade das TIC.
Cales son os retos máis inmediatos que enfronta o proxecto?
Estamos nos pasos finais da constitución da sociedade que xestionará as actividades do proxecto. Isto é crucial para darlle unha personalidade xurídica que axilice as actuacións futuras.
Ademais, asegurar un financiamento sustentable é fundamental para desenvolver completamente o proxecto, incluíndo infraestruturas, servizos e programas de soporte. Isto implica atraer investimento privado e asegurar compromisos de financiamento público; a construción de infraestruturas tecnoloxicamente avanzadas e sustentables que cumpran coas necesidades das empresas e institucións do sector TIC; crear un ecosistema atractivo para empresas de tecnoloxía de alta innovación e para profesionais cualificados en TIC; fomentar unha forte colaboración entre as distintas partes interesadas, incluíndo ás distintas administracións, institucións educativas, o sector privado e a sociedade en xeral; e integrar principios de sustentabilidade ambiental e inclusión social desde o inicio do proxecto para asegurar que o desenvolvemento do polo tecnolóxico beneficie a toda a comunidade e minimice o seu impacto ambiental.
Cal é a folla de ruta para os vindeiros anos?
A curto prazo (1-2 anos), enfocámonos na continuación de obras clave de infraestrutura e desenvolvemento tecnolóxico, así como en programas de atracción de talento e empresas, incubación e aceleración para startups e colaboracións estratéxicas. Tamén o desenvolvemento de iniciativas específicas para fomentar a innovación en áreas prioritarias como a intelixencia artificial, big data, ciberseguridade, etc. A medio prazo (3-5 anos), buscamos consolidar a Cidade das TIC como un referente nacional e internacional, fortalecer redes de colaboración e avaliar o impacto económico e tecnolóxico.
A longo prazo, búscase promover unha cultura de innovación sustentable que permita o crecemento continuo e a adaptación ás novas tecnoloxías e desafíos sociais. O éxito da Cidade das TIC dependerá da nosa capacidade para anticiparnos e adaptarnos ao futuro nun campo tan cambiante como o das tecnoloxías avanzadas e disruptivas.
A Cidade das TIC recibiu apoio financeiro de 4,8 millóns de euros da Xunta de Galicia a través do Igape para a construción do Centro de Servizos Avanzados TIC (CSA), que entrou en funcionamento en 2023. Que servizos ofrece e cales son as súas funcións?
O CSA vai xogar un papel clave no ecosistema da innovación tecnolóxica en Galicia. Ofrece infraestruturas tecnolóxicas avanzadas para que poidan ser utilizadas por calquera empresa do tecido económico galego, como o seu Data Center especializado en intelixencia artificial e espazos de traballo flexibles deseñados para fomentar a colaboración e a innovación entre startups, empresas consolidadas, investigadores e profesionais TIC. Tamén proporciona acceso a ferramentas, plataformas e tecnoloxías de última xeración, incluíndo recursos para o desenvolvemento e proba de solucións baseadas en intelixencia artificial, big data, IoT (internet das cousas), entre outras. No CSA estánse a desenvolver tamén programas de formación e capacitación dirixidos a profesionais e empresas do sector TIC, cubrindo desde habilidades técnicas específicas ata aspectos de xestión e liderado en contextos de alta tecnoloxía. Finalmente, tamén cabe destacar o seu papel como incubadora e aceleradora de empresas, como o programa Tech Angels desenvolvido polo Clúster TIC de Galicia que apoia a creación e o crecemento de startups tecnolóxicas mediante programas de incubación que ofrecen mentoría, acceso a redes de contactos e oportunidades de financiamento.
A través de todos eses servizos, as funcións principais do CSA son apoiar a transformación dixital das empresas, fomentar a colaboración empresarial, impulsar a economía local e posicionar a Galicia como referente tecnolóxico.
Tamén está xa en marcha o Galaxy-Lab, un centro de experimentación avanzada en intelixencia artificial aplicada a drons impulsado por ITG coa colaboración da Xunta e a Universidade da Coruña. Que implica esta nova infraestrutura para a competividade e capacidade tecnolóxica galega?
Este proxecto permite situar a Galicia como referente europeo en probas con sistemas aéreos non tripulados e dá servizo a empresas que precisen experimentar os seus sistemas de mobilidade aérea urbana, tanto para mercadorías como para persoas. Deseñado coma un centro de excelencia, conta con tres eixos fundamentais: o desenvolvemento de intelixencia artificial para voos con drons; ser un escenario de probas para empresas (polas características da Cidade das TIC pode ser utilizado coma un nodo urbano de drons e complementa outras xa existentes en Galicia para dar unha resposta axeitada ás necesidades dos operadores internacionais cos que o ITG xa está a traballar) e a investigación.
Esta infraestructura conta cun edificio na Cidade das TIC de máis de 1.000 m2 que está dotado dun centro de control de voos, unha zona de voo indoor reconfigurable, un laboratorio electrónico, espazos para montaxe, test e verificación, taller de mecanizado, impresión 3D e soldadura SMD e zona de deseño e desenvolvemento.
E, no exterior, unha chamativa gaiola de 15 metros de altura e 225 m2 de superficie cunha rede de seguridade que permite realizar voos exteriores con maior axilidade e total seguridade; xunto á que hai un vertiporto para despegue e aterraxe vertical de drons.
E todo isto complementado cun centro de operacións móbil nun vehículo adaptado que conta con sistemas de comunicacións, navegación, vixiancia e control. Sistemas que permiten a operación remota de drons cunha estación de recarga de enerxía específica para eles e unha estación meteorolóxica de prestacións aeronáuticas con licenzas de servizos U-Space.
O Galaxy Lab, enmarcado no Programa de Infraestruturas da Estratexia Aeroespacial de Galicia 2021-2025, resultará de especial interese para aqueles operadores (sexan empresas, centros tecnolóxicos ou universidades) que precisen realizar ensaios con os seus produtos de I+D ou casos de uso porque se poderán probar situacións como perdas de sinal de GPS en espazos urbanos estreitos, axustes de sistemas de xeoposicionamento, coordenación con espazo aéreo controlado real, axustes de sistemas de protección de drons, etc. Ademais funcionará de forma coordenada con outras infraestruturas de referencia na nosa comunidade autónoma como é o caso do centro de probas especializado en UAVs lixeiros Ancora Drone Test Center en Cervo (Lugo).
Na presente convocatoria de Centros de Fabricación Avanzada, a Xunta apoia dúas iniciativas da Cidade das TIC: a posta en marcha dun centro de produción audiovisual e unha instalación complementaria ao Laboratorio de Intelixencia Artificial. En qué consistirán ambos proxectos?
Pedralonga Estudos será un centro de produción audiovisual que impulsará a industria cinematográfica en Galicia. Ocupará dúas das parcelas existentes na Cidade das TIC duns 5.500 m2 en conxunto. No devandito espazo instalaranse dous estudos de rodaxe, un deles de 2.500 m2 e outro de 2.000 m2, dos cales non existe ningún operando en España actualmente. Estes estudos complementaranse con oficinas, vestiarios, camerinos, salas e almacéns por espazo doutros 1.500m2 adicionais. Estes dous novos estudos serán sinérxicos e darán sentido á nova instalación “Coruña Estudo Inmersivo” que promove actualmente a Deputación da Coruña en colaboración co Clúster Audiovisual Galego. O conxunto total resulta de alto interese para rodaxes cinematográficas, de ficción e tamén publicitarias, xa que permiten recrear calquera escenario, co conseguinte aforro de custos en aloxamentos e desprazamentos. Por outra banda, permitirá rematar na nosa comunidade as rodaxes que xa utilizan emprazamentos exteriores da nosa terra.
O proxecto, ademais complétase, cun ambicioso Plan de Dinamización do ecosistema audiovisual-TIC que inclúe un Plan de Formación.
Doutra banda, o CSA-DATOS será un laboratorio especializado en intelixencia artificial para o desenvolvemento e testeo de produtos e servizos, contribuíndo á competitividade tecnolóxica da rexión.
Finalmente, cabe destacar tamén que a través da convocatoria de Centros Dixitais da Xunta, se creará na Cidade das TIC un centro de monitorización, producción remota e análise de vídeo.
O sector TIC galego está a ser dos máis dinámicos en canto á súa evolución e perspectiva de futuro. Como impactará a Cidade das TIC no ecosistema empresarial e na atracción de talento?
A Cidade das TIC en Galicia está posicionada para ter un impacto significativo no sector TIC da rexión, dinamizando aínda máis o seu crecemento e contribuíndo positivamente á súa evolución e perspectivas de futuro.
O impacto neste ecosistema empresarial e na atracción de talento pode analizarse en varias dimensións clave. En primeiro lugar, como impulso ao ecosistema empresarial TIC galego, fomentando a innovación, a colaboración estratéxica e a atracción de investimentos.
En segundo lugar, a atracción de talento. A proximidade a centros educativos e as oportunidades de formación e capacitación continua dentro da Cidade das TIC permitirá desenvolver unha forza laboral altamente cualificada e especializada nas últimas tecnoloxías. Tamén se incrementarán as oportunidades de carreira para os profesionais tecnolóxicos, atraendo así talento doutras rexións e fidelizando aos profesionais locais que, doutro xeito, poderían buscar oportunidades noutras partes. A creación dun entorno de traballo colaborativo, innovador e de alta tecnoloxía atraerá a profesionais que buscan participar en proxectos punteiros e desafiantes, fomentando unha cultura de innovación e creatividade.
A Cidade das TIC a longo prazo impactará no desenvolvemento sustentable, mediante o fomento de tecnoloxías verdes e solucións innovadoras; e no reforzo da Marca Galicia.
Que lle achegará ás empresas asentarse no Parque Empresarial da Cidade das TIC?
O Parque ofrece unha contorna innovadora, infraestruturas de calidade, oportunidades de financiamento e colaboración, e visibilidade internacional, clave para o éxito das empresas tecnolóxicas.
Ubicarse no Parque Empresarial da Cidade das TIC ofrece unha combinación única de vantaxes, incluíndo acceso a un ecosistema innovador, talento cualificado, infraestruturas de primeira clase, e oportunidades de colaboración e financiamento, todas elas claves para o crecemento e o éxito das empresas do sector TIC.
A futura sede da Axencia de Supervisión Estatal de Intelixencia Artificial na Coruña tamén representa unha oportunidade. Que sinerxías pode xerar coa Cidade das TIC?
A futura sede da Axencia de Supervisión Estatal de Intelixencia Artificial, AESIA, na Coruña representa unha oportunidade única para a Cidade das TIC e para o ecosistema tecnolóxico e de innovación en Galicia. A presenza dunha institución tan relevante potenciará a atracción de talento especializado no campo da intelixencia artificial, tanto a nivel nacional como internacional. Iso fomentará un ambiente de innovación e investigación de alto nivel na área. Tamén estimulará a creación de programas de investigación e desenvolvemento específicos no campo da intelixencia artificial. Isto podería traducirse en maiores investimentos en I+D e en un reforzo das capacidades de investigación das universidades e centros tecnolóxicos locais. A ubicación da Axencia promoverá a colaboración entre o sector público e as empresas privadas, potenciando proxectos conxuntos de innovación en intelixencia artificial. Isto pode levar á creación de novos produtos e servizos tecnolóxicos que teñan un impacto significativo no mercado.
A presenza da Axencia en Galicia coloca a rexión nunha posición privilexiada para influír no desenvolvemento de políticas, estándares e regulacións en torno á Intelixencia Artificial. Isto é especialmente relevante nun momento no que a regulación ética e o uso responsable da IA están no centro do debate público e político. Tamén servirá como catalizador para o ecosistema emprendedor local, impulsando a creación de startups e spin-offs enfocadas en IA. O apoio e a visibilidade que pode proporcionar unha institución estatal potenciarán a captación de investimentos e facilitarán o acceso a redes de contacto nacionais e internacionais.
A elección da Coruña e Galicia como sede para esta axencia estatal reforza o papel da rexión como un hub tecnolóxico relevante en España e Europa, mellorando a súa imaxe internacional e a capacidade para atraer proxectos e eventos de gran relevancia no ámbito das tecnoloxías disruptivas.
En resumo, é unha oportunidade única para potenciar o desenvolvemento tecnolóxico e innovador de Galicia, creando un ambiente rico en sinerxías entre investigación, empresa e administración pública, co obxectivo de liderar o avance da IA de maneira ética e sustentable a nivel estatal e incluso europeo.
Con que fortalezas conta Galicia para competir a nivel nacional e internacional no campo do desenvolvemento tecnolóxico e en novas tecnoloxías disruptivas, como a IA, o big data, etc?
Galicia, aínda que rexión periférica, ten varias fortalezas que lle permiten competir a nivel nacional e internacional no campo do desenvolvemento tecnolóxico e en novas tecnoloxías disruptivas, entre elas, a estreita colaboración entre o sector público e privado; un ecosistema emprendedor e innovador; a fortaleza das nosas universidades e centros tecnolóxicos e de investigación; o apoio gubernamental e financiamento; a localización xeográfica e infraestruturas; e o compromiso coa sustentabilidade e a innovación social.
Estas fortalezas, combinadas, posicionan a Galicia como un competidor relevante no ámbito das tecnoloxías disruptivas, non só a nivel nacional senón tamén internacional, fomentando un crecemento económico baseado no coñecemento, a innovación e a tecnoloxía.