Ao día!
A startup galega que impulsa o talento tecnolóxico
HACK A BOSS é unha empresa coruñesa fundada en 2018 dedicada ao chamado TalenTech: atopar, xerar e desenvolver talento tecnolóxico para dar resposta á demanda do mercado deste tipo de perfís.
“HACK A BOSS naceu nun piso de 35 metros na icónica rúa Galera da Coruña, xusto en fronte do piso do seu CEO e fundador, Pablo Rodríguez González. Todo o mobiliario da oficina era de segunda man e o equipo fundador estaba constituído por 4 persoas, ademais do CEO. A idea inicial do negocio era facturar cun software que xa tiñamos e posteriormente converternos nunha incubadora para crear proxectos e apoiar a outros”, explica Alejandro Manzanares, especialista en contido na empresa. Na procura de desenvolvedores para esta idea inicial atopáronse coa dificultade de atopar este tipo de perfís. Foi así como naceu a actual liña de negocio de HACK A BOSS, apostando pola formación en formato bootcamp, termo que define aos cursos intensivos pensados para formar ao alumnado nas competencias necesarias para comezar a traballar inmediatamente.
Na actualidade contan con dúas liñas de negocio: unha orientada a formar talento novo e a outra, dirixida a empresas, centrada en servizos de selección de persoal.
As formacións de HACK A BOSS son en remoto, o que lles permite chegar a todo o territorio nacional, e as clases desenvólvense en directo, o que permite a interacción co alumnado e a resolución de dúbidas en tempo real, recreando unha experiencia similar á de ir a unha aula presencial.
“Formámoslles para que empecen desde cero no sector tecnolóxico, en ámbitos como a programación web, ciencia de datos e intelixencia artificial, análise de datos e ciberseguridade”, conta. De feito, HACK A BOSS é a única empresa tecnolóxica de bootcamps que ofrece actualización de talento para sempre a través da chamada Boost Academy, onde o alumnado pode acceder gratis para sempre a máis de 300 formacións técnicas e de habilidades brandas (aquelas relacionadas coa forma en que unha persoa se relaciona e interactúa con outras) para elevar a súa capacitación e impulsarlles a conseguir as súas metas profesionais.
“A nosa metodoloxía chámase learning by doing. Baséase na aprendizaxe a través da práctica. O alumnado ve clases teóricas e tamén prácticas onde poñen a proba todos os seus coñecementos. Igualmente, desenvolven proxectos baseados en contornas reais de traballo para achegalos á contorna laboral áque entrarán”, explica Alejandro.
Ata o momento, xa formaron a máis de 1.300 persoas de perfís moi heteroxéneos. “Ao tratarse de formacións para empezar desde cero, adoitamos ser unha opción para aquelas persoas que queren cambiar de sector profesional. Hai persoas que veñen de ser comerciais, hostalería, peóns, profesores de danza, teleoperadores, sector sanidade, transporte, márketing… E, por suposto, profesionais do sector tecnolóxico que atopan nas nosas formacións a oportunidade de adquirir novas habilidades para ascender dentro das súas empresas”, detalla.
HACK A BOSS ocupa o posto 5 da plataforma LinkedIn Top Startups 2023. O ano pasado, duplicaron por terceiro ano consecutivo a súa facturación. Ademais, pasaron de ter 25 empregados en 2022 a máis de 75 en 2023. “A clave do éxito non a sabemos, o que si podemos dicir é que chegamos ata aquí porque poñemos ás persoas no centro: empregados, colaboradores, clientes, docentes, alumnos... Dedicámonos a deseñar produtos de calidade, que solucionen os problemas do mercado, as empresas e as persoas. E por suposto, con moito traballo”, comenta Alejandro Manzanares. HACK A BOSS destaca, de feito, polos múltiples beneficios sociais que ofrece ao seu persoal e por instaurar a semana laboral de 4 horas. “A nosa filosofía baséase en ter empregados e empregadas felices, para ter un equipo comprometido cos obxectivos. Ofrecemos todos estes beneficios por vontade da empresa. A xornada laboral de 4 días empezámola hai máis de dous anos. Fixémolo e mantémolo porque cremos que as persoas deben descansar máis, gozar máis e conciliar máis para poder ser máis produtivas, eficientes e creativas”, conta.
Como toda startup, están en constante evolución co obxectivo de consolidarse como o bootcamp co mellor e máis completo programa formativo e aspirando a cubrir, ademais, toda a cadea de valor do talento tecnolóxico, desde as persoas que empezan de cero ata os máis senior. Na axenda de próximos retos, queren seguir apostando pola comunicación do que fan; mellorar aínda máis os programas dos que xa dispoñen, seguir potenciando a Boost Academy; e unir a súa experiencia formativa e a súa capacidade de xerar, xestionar e recrutar talento tecnolóxico e dar servizo ás empresas.
“Galicia é un gran hub tecnolóxico, existen moitos proxectos, empresas, grandes e pequenas e, sobre todo, talento humano moi valioso para a industria. En Galicia temos todo para competir con calquera gran cidade de España ou o mundo. Esa é a nosa aposta: colaborar, apoiar e crecer todos. Traballando en equipo chégase máis lonxe e iso sabémolo moi ben en HACK A BOSS. Empezamos sendo unha empresa pequeniña que colaboraba e colabora con xigantes multinacionais como Sofftek (mexicana) ou NTT DATA (xaponesa)”, conclúe.