Inicio
Actualidade

Ao día!

30/05/2024

Fuikaomar, o e-commerce galego referente en baloncesto

Comparte este artigo

Desde o seu inicio en 2009, esta empresa viguesa posicionouse como un referente no sector do comercio electrónico, desafiando as convencións e establecendo novas formas de conectar cos clientes

“Hai 15 anos, mentres xogaba ao baloncesto en Irlanda, deime conta de que os meus compañeiros de equipo tiñan zapatillas, camisetas e suadoiros que nunca antes vira. Percorrinme as poucas tendas de deporte que había en Cork, onde era imposible comprar algo de baloncesto. Entón pregunteilles onde compraban os produtos. A súa resposta sorprendeume: facíano por internet, en EEUU”, lembra Iván Omar Medina Vicente, fundador e CEO de Fuikaomar. Así naceu en 2009 o seu proxecto empresarial, cunha clara misión: achegar o baloncesto a todo o mundo.

“Fuikaomar ten algo en común con Apple, Amazon, Microsoft ou Google. Todos estes xigantes tiveron un inicio moi modesto desde senllos garaxes… e eu iniciei a miña empresa desde unha habitación na casa dos meus pais que utilicei a modo de oficina e almacén durante os primeiros anos na miña andaina empresarial”, comparte Medina Vicente. A tenda física en Vigo non se materializou ata cinco anos despois, aínda que inicialmente funcionou como almacén e showroom antes de converterse nun establecemento comercial. Con todo, con máis do 70% da facturación proveniente do negocio en liña, a principal aposta de Fuikaomar reside desde sempre no e-commerce

As claves do éxito do seu negocio son múltiples, pero o seu fundador destaca a importancia de adiantarse ao resto. "Cando levas 15 anos vendendo en liña enfróntaste a retos practicamente cada ano. Son consciente de que me metín neste negocio no momento adecuado e que comezar a venda en liña naquela época era relativamente sinxelo, pero o máis complicado é manterse e aguantar. Recordo que fomos dos primeiros en vender por Tuenti ou Messenger e tamén vendiamos por Facebook cando nin sequera existían as páxinas de empresa. Vivimos as orixes de Instagram ou Wallapop e aproveitamos sempre calquera canle de comunicación para poder vender, porque alí onde está a xente, está o teu cliente”, sinala. A todo iso súmanse os piares fundamentais de Fuikaomar: “un bo produto, un bo servizo e unha excelente atención ao cliente".

A integración entre a experiencia presencial e dixital é un desafío constante para Fuikaomar. "A tenda física é un complemento do negocio en liña. Utilizamos tecnoloxía para mostrar o noso catálogo completo na tenda e facilitar o proceso de compra aos nosos clientes", menciona. A proximidade co cliente é unha prioridade, utilizando ferramentas como WhatsApp para manter unha comunicación fluída.

A xestión loxística é outro aspecto crucial para a empresa, que manexa máis de 5.000 referencias. "Traballamos con 5 provedores loxísticos para poder enviar paquetes a todo o mundo, garantindo a entrega rápida e coidadosa dos produtos", explica Iván Omar Medina Vicente. A atención ao detalle é primordial, especialmente en produtos de coleccionismo onde o estado do paquete é vital para os clientes.

Competir nun mercado global

Nun sector como o da venda de produtos deportivos, dominado por grandes competidores, Fuikaomar atopa a súa fortaleza na atención ao cliente e a adaptabilidade. "É imposible competir en prezo, pero podemos ofrecer unha atención próxima e tomar decisións rápidas que nos diferencien", destaca o seu CEO. A dixitalización transformou a forma en que os consumidores adquiren produtos deportivos, especialmente no ámbito do baloncesto. "Hai 15 anos, moitos produtos só estaban dispoñibles en tendas internacionais. Hoxe en día, recibimos pedidos de poboacións pequenas que non teñen acceso a tendas especializadas", explica. 

No seu posicionamento e promoción xogan tamén un papel importante as redes sociais. De feito, Fuikaomar adoptou estratexias innovadoras, como os directos en TikTok. "Esta plataforma permítenos interactuar directamente cos nosos clientes, mostrando produtos en detalle e resolvendo dúbidas en tempo real", sinala Iván Omar.

Mirando cara ao futuro, Fuikaomar enfróntase a desafíos significativos nunha contorna cada vez máis competitiva. "Os pequenos e medianos e-commerce terán que loitar duro para sobrevivir. En Fuikaomar, buscaremos crecer de maneira controlada e sustentable, mantendo a nosa humildade característica", conclúe Iván Omar Medina.

Tamén pode interesarche