Ao día!
Eurored, líderes en deseño e elaboración de artes de pesca
Eurored é un grupo de empresas dedicado ao deseño, fabricación e comercialización de artes de pesca, así como experto en instalacións e servizos específicos para o sector da acuicultura. Ao longo dos seus máis de 45 anos de historia, os principais armadores do sector en arrastre de altura, así como atuneiros, palangreiros e artes menores, depositaron neles a confianza para fornecer, deseñar e fabricar os materiais, pertrechos e aparellos que necesitan para a súa actividade diaria.
Con preto de 18.000 m2 de almacéns, produción e oficinas, 8 peiraos de descarga e máis de 40 empregados, Grupo Eurored é hoxe en día a empresa máis importante do sur de Europa na súa categoría, o que lles permite abordar os proxectos máis ambiciosos mantendo a necesaria sintonía entre tradición e innovación, xa que se trata dun oficio totalmente artesanal que se desenvolve nunhas instalacións dotadas coas últimas tecnoloxías para lograr unha maior eficiencia, tanto en deseño como en execución.
Operan en todo o litoral galego e en diversos caladoiros de forma global. A súa proxección de futuro pasa por abordar novos mercados potenciais, apostando por divisións comerciais no estranxeiro como Arxentina, México e Marrocos. De feito, na actualidade están a acometer importantes investimentos en infraestruturas, medios e persoal para dar un servizo integral internacionalmente.
Euroed conta con tres liñas de negocio fundamentais: pesca, acuicultura e subministración de todo tipo de solucións estruturais para a industria. No apartado de pesca, a constante investigación e innovación nos seus procesos de produción levounos a ofrecer ao mercado nacional e internacional produtos cos máis altos estándares de calidade, con solucións e servizos desenvolvidos a medida dos seus clientes, desde redes de arrastre a redes peláxicas, pasando tamén por aparellos para atuneiros e de cerco.
Entre as innovacións desenvolvidas por Grupo Eurored destacan as portas de arrastre Champion, a súa máis recente novidade, que grazas ás súas características e comportamento baixo a auga fan posible unha pesca máis produtiva e contribúen a optimizar a pesca industrial.
Desde o grupo tamén apostan pola innovación e a tecnoloxía, desenvolvendo solucións integrais para a acuicultura de natureza sustentable e baseada nos máis altos estándares de seguridade e calidade, principalmente enfocadas no desenvolvemento de sistemas long line nas rías galegas e fish farming en augas de ultramar. Son especialistas no desenvolvemento de proxectos chave en man, desde a fase de conceptualización ou deseño, ata a implementación ou posta en marcha do mesmo e tamén en todo o que respecta ao seu posterior mantemento.
Finalmente, desde o departamento de taller e subministracións ofrecen solucións a medida do sector náutico; cables estruturais; pertrechos e efectos navais; portos e sinalización marítima; ou repostos de motores.