Inicio
Actualidade

Ao día!

11/06/2024

Entrevista a Almudena López del Pozo, conselleira delegada de PYMAR

Comparte este artigo

“A industria naval galega afronta unha nova etapa na que se concibe toda a súa cadea de valor de maneira integradora”

No sector da industria naval, PYMAR é peza fundamental na imprescindible colaboración público-privada, sendo o órgano de xestión do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e contando no seu Consello de Administración con representantes dos principais estaleiros privados españois e coa Administración Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas. A entidade conta con instrumentos clave para conseguir a mellor competitividade dos estaleiros, como o Fondo de Garantías Navais, e cun equipo de experimentados profesionais cos que leva a cabo unha actividade de asesoramento técnico, xurídico e económico en procesos construtivos navais, na estruturación do seu financiamento e na atracción de investidores.  Abordamos nesta entrevista os retos e desafíos desta industria, así como a colaboración que manteñen a Xunta de Galicia e PYMAR e que propiciou nos últimos anos o deseño e coordinación de proxectos de apoio para a industria naval galega, como as 149 operacións de construción naval garantidas ata hoxe mediante os fondos xestionados por PYMAR que contan con achegas da Xunta de Galicia a través do Igape.

Que valor engadido achega PYMAR aos estaleiros privados galegos en termos de construción naval e competitividade?
 
PYMAR é unha ferramenta de colaboración público-privada que impulsa, integra e coordina iniciativas de política industrial, defendendo os intereses da industria naval privada e fomentando a súa competitividade. Entre outras, podemos lembrar as decisivas intervencións de PYMAR na defensa do tax lease e a posta en marcha do actual sistema de financiamento de activos, que supón un instrumento imprescindible para asegurar a competitividade dos estaleiros privados galegos en condicións de igualdade cos seus máis directos competidores doutros países da nosa contorna, ou ao impulso de proxectos colaborativos dirixidos a transformar a cadea de valor a través do impulso da I+D+i, a mellora da sustentabilidade ambiental e a formación. Así mesmo, participamos en operacións de construción naval dos estaleiros privados galegos emitindo garantías a través dos fondos xestionados pola compañía, para o que dispoñemos dunha cualificación crediticia por Fitch BBB+. 
 
Como describiría a relación entre PYMAR e a Xunta de Galicia no contexto de apoio á industria naval na rexión?
 
Existe unha relación de moitos anos de eficaz colaboración entre a Xunta de Galicia e de todos os que formamos parte de PYMAR, para salvagardar un impulso sostido de iniciativas e políticas industriais que redundan en beneficio da industria naval galega. Ademais, contamos coa prestixiosa profesionalidade dos estaleiros privados galegos. O éxito de todos estes esforzos lógrase coa imprescindible colaboración público-privada articulada a través de PYMAR.

Que significou esta colaboración entre a Xunta de Galicia e PYMAR no desenvolvemento e coordinación de proxectos para impulsar o sector nos últimos anos?

En proxectos concretos de construción naval, grazas aos fondos de garantías xestionados por PYMAR e ás achegas, entre outros, da Xunta de Galicia, nos últimos anos participamos en 149 operacións da industria naval galega. Nelas, emitimos garantías por un importe total de 1.800 millóns de euros, que propiciaron a construción de 82 buques en empresas galegas, por un importe conxunto superior aos 3.000 millóns de euros.

Que proxectos conxuntos entre a Xunta de Galicia e PYMAR considera que tiveron maior impacto no desenvolvemento do sector naval en Galicia?

Nestes últimos anos de esforzo compartido, o resultado do que sentimos máis gratificados prodúcese cando, cada vez con maior frecuencia, bótase un novo e moderno buque construído en Galicia e pensamos nas familias dos empregos que xerou, no beneficio para a industria da cadea de valor e para centos de provedores galegos, e en definitiva, no que cada nova construción naval supón de contribución á riqueza e benestar de Galicia. 

Ademais, colaboramos en numerosos proxectos dirixidos a potenciar a industria naval galega, como o deseño da Estratexia de Recuperación, Crecemento e Diversificación da Industria Naval de Galicia 2022-2026, a creación da plataforma Conecta Naval para o asesoramento e apoio especialmente das pemes galegas nos seus proxectos transformadores, ou a resolución de situacións moi críticas para o sector, como a que tivo lugar co cuestionamiento do noso sistema de tax lease.

Con 82 buques construídos en estaleiros privados galegos e un investimento conxunto superior aos 3.000 millóns de euros, cales considera que foron os principais desafíos e éxitos neste proceso de construción naval apoiado precisamente por esa colaboración público-privada?

Indo á evidencia, se botamos a vista atrás, cando este sector atravesou unha das maiores crises existenciais da súa historia recente, provocada polo procedemento instado contra o antigo sistema de tax lease, os estaleiros galegos finalizaron o exercicio 2013 con tan só 6 unidades na súa carteira de pedidos. A histórica unión institucional que conseguimos articular para superar aquela grave crise, coa representación ao máximo nivel da Xunta de Galicia, xunto coa Administración Central e outras Comunidades Autónomas integradas en PYMAR, así como sindicatos e resto de axentes do sector, afrontando de primeira man os contactos e negociacións con Bruxelas, foron imprescindibles para a resolución satisfactoria daquel duro proceso.

A día de hoxe, contabilízanse un total de 32 buques en carteira dos estaleiros galegos, que son xeradores de 6 millóns de horas de traballo, todos eles con orixe de demanda estranxeira, o que confirma ademais o carácter netamente exportador do sector naval galego. 

O éxito deste proceso foi posible grazas ao inmenso traballo e talento dos estaleiros privados galegos, ao apoio recibido desde a Xunta de Galicia e resto de institucións, e ao traballo realizado de forma coordinada e eficiente a través de PYMAR.

Que perspectivas ten PYMAR para continuar fortalecendo e apoiando a industria naval na rexión a curto-medio prazo?

Dez anos despois da posta en marcha do Fondo de Garantías Navais, a industria naval galega afronta unha nova etapa na que se concibe toda a súa cadea de valor de maneira integradora, e na que se presentan enormes posibilidades de crecemento a través da diversificación da actividade cara ao sector das enerxías renovables mariñas. 

Por iso, o pasado 10 de abril, subscribimos coa conselleira de Economía e Industria unha addenda que amplía e flexibiliza as condicións de concesión destas garantías, ademais da os estaleiros privados galegos e aos armadores que contraten con eles, ao resto das empresas galegas da industria naval e do sector das enerxías renovables mariñas. Desta maneira, poderanse garantir operacións tanto de buques como de todo tipo de artefactos flotantes e plataformas fixas para proxectos de enerxías renovables mariñas.

Cales son os principais retos aos que se enfrontan os estaleiros galegos durante os próximos anos? Que papel desempeña PYMAR á hora de axudar a facerlles fronte?

Creo que os retos son comúns a toda a industria. Os relacionados coa innovación tecnolóxica, coa dobre transición ecolóxica e dixital e coa formación. Para iso, será fundamental manter os instrumentos de financiamento que lles permitan afrontalos.
 
Desde PYMAR traballamos intensamente na configuración dos eixos de futuro da industria naval e, froito diso, impulsamos proxectos transformadores para a cadea de valor. Ao mesmo tempo, reforzamos o alcance dos nosos fondos para ampliar a nosa participación e apoio ás empresas nas súas necesidades de garantías e financiamento.

Tamén pode interesarche