Inicio
Actualidade

Ao día!

17/06/2024

Entrevista a Luz Pardo, conselleira delegada do Grupo GESTÁN e cofundadora de Cafés Lúa

Comparte este artigo

“O sector da bioenerxía e o dos biocombustibles está chamado a crecer nas próximas décadas”

GESTÁN é un grupo empresarial galego especializado no desenvolvemento e implantación de solucións ambientais para as empresas, contribuíndo á súa sustentabilidade económica, social e ambiental. Ao longo das décadas, ampliaron e diversificaron a súa actividade ás áreas de residuos, auga e bioenerxía. 

O xerme do grupo GESTÁN, formado na actualidade por 6 empresas e máis dun centenar de empregados, está nunha pequena empresa familiar de recollida e transporte de residuos. Como foi o proceso de recoller a testemuña e liderar esta transformación?

Si, o meu pai tiña unha pequena empresa, Contenedores Pardo, formada por el mesmo como autónomo e 3 ou 4 persoas ao seu cargo. No seu momento, cando se achegaba á idade de xubilación, propúxonos ao meu irmán e a min entrar no incipiente negocio ambiental que estaba a nacer. El estaba convencido de que tiña gran proxección. Así foi como o meu irmán Luis, recentemente terminada a carreira, e eu mesma nos incorporamos ao proxecto que foi o xerme do que hoxe é o Grupo GESTÁN. 

O grupo como tal fundámolo en 2002. En 2016 demos o salto a unha nave industrial do polígono coruñés de Arteixo, sobre unha parcela de 3.700 metros cadrados, á que se engadiron, máis recentemente, 10.000 máis para aloxar un centro loxístico de contedores. O desenvolvemento das diferentes necesidades que se foron creando no sector ambiental, unido á innovación e á posta en marcha de novas liñas de negocio, permitiunos que hoxe contemos con 6 empresas e un persoal de 125 persoas. 
 
En que liñas de negocio principais se enfoca actualmente o grupo?

Estamos centrados especialmente no tratamento de residuos e produción de biocombustibles. Entre as nosas liñas principais están a valorización de residuos non perigosos (de construción e demolición; de madeira e voluminosos, como poden ser mobles e colchóns, por exemplo). 

No que se refire a biocombustibles, centramos a nosa actividade a través de Biomasa Forestal, unha fábrica situada nas Pontes dedicada a fabricar e comercializar pellets, tanto con fin enerxético como de leito hixiénico para mascotas, unha liña que introducimos hai poucos anos. 

Ao longo das últimas décadas, ampliaron e diversificaron a súa actividade apostando, entre outros sectores, pola bionerxía e os biocombustibles. Que oportunidades abre este sector para Galicia?

Hoxe parece claro que necesitamos un novo modelo que abandone progresivamente e de forma relativamente rápida o uso de combustibles fósiles. Non podemos seguir co grao de emisións de CO2 que expulsamos diariamente á atmosfera a nivel global. Por iso, cremos que o sector da bioenerxía e o dos biocombustibles, que xa tivo un importante crecemento, especialmente desde a pandemia, está chamado a crecer nas próximas décadas. E aí ábrense moitas posibilidades, tanto para achegar novas solucións á industria, como para a xeración de novo talento e, sen dúbida, un gran espazo para a innovación.

Que papel xogou a I+D+i na súa traxectoria para ser líderes e referentes en Galicia como empresa de servizos ambientais? En que teñen posto o foco innovador?

A innovación está moi presente nas distintas áreas, non só nos proxectos de amplo alcance, senón tamén en procesos de áreas como a de xestión de persoal, financeiro, loxística, entre outros, onde a mellora de procesos pode xogar un papel diferenciador. 

Para o 2024 contamos con dúas importantes liñas de traballo, ambas en colaboración con outros organismos, xa que consideramos que é o mellor modo de realizalas, xa que cada un pon o seu coñecemento no que é especialista e desa forma conséguense mellores obxectivos. 

Temos xa en marcha o proxecto Estrada, dirixido a investigar mecanismos para converter en novos materiais os residuos poliméricos complexos de alto impacto ambiental, como son os termoplásticos derivados de PVC e ABS e as gomas e cauchos procedentes de cintas transportadoras ao final da súa vida útil. E o Smart2Reduce, de investigación industrial en tecnoloxías dixitais busca mellorar a competitividade do sector de reciclaxe de RCD. A clave deste proxecto será a separación a través de tecnoloxías de visión artificial e fotónica avanzada.

É tamén a cofundadora de Cafés Lúa, unha recoñecida marca local dedicada ao mundo do café e que nada ten que ver coa actividade de GESTÁN. Que lle achegou como empresaria esta experiencia?

A experiencia de Cafés Lúa, un proxecto que empecei bastante nova, forxoume moito nos obstáculos que debes superar en calquera negocio. Esa resiliencia da que tanto se fala agora é un concepto que eu aprendín pronto, ao poñer en marcha Cafés Lúa, empresa que ademais se movía nun ámbito bastante masculinizado, onde tamén houbo que superar algunha que outra barreira.   

Tamén pode interesarche