Ao día!
Biotecnoloxía galega para a loita contra o cancro
A biotecnoloxía é un dos eixos clave para o futuro da economía galega. Unha das empresas galegas máis destacadas do sector é SunRock Biopharma, unha compañía biotecnolóxica especializada no desenvolvemento de novas moléculas terapéuticas para o tratamento de enfermidades oncolóxicas, especialmente aquelas que presenten unha necesidade clínica non cuberta. Concretamente, céntrase naquelas indicacións onde os tratamentos actuais non foron capaces de achegar solucións, como as neoplasias hematolóxicas ou os tumores sólidos en estados altamente invasivos.
O enfoque terapéutico de SunRock está orientado cara ao desenvolvemento de anticorpos inmunooncolóxicos, cuxa acción estimule e apoie ao sistema inmunitario do paciente. Desde a súa creación en 2014, desenvolveu unha carteira moi completa de moléculas altamente innovadoras. Na actualidade componse dun total de 7 moléculas en distintos estadios de desenvolvemento preclínico, con efectos terapéuticos demostrados fronte a diversos tipos tumorais.
SunRock utiliza unha metodoloxía disruptiva no desenvolvemento de fármacos baseado nun modelo de innovación aberta. Mediante a colaboración con axentes clave do ecosistema de innovación biotecnolóxica, identifica os resultados de investigación significativos orixinados na academia e completa o seu desenvolvemento ata a fase I de ensaios clínicos. O seu obxectivo é converterse nun axente clave na área da inmunoterapia oncolóxica a nivel mundial, mediante a identificación, desenvolvemento e transferencia de coñecemento á industria farmacéutica.
Entre os seus fitos máis recentes, destaca o acordo coa multinacional biofarmacéutica suíza Debiopharm, que ten como obxectivo establecer o futuro estándar de tratamento para curar o cancro e as enfermidades infecciosas. O acordo entre ambas permite á firma suíza opcións de licenza para continuar o desenvolvemento dos anticorpos de SunRock, integrando as innovadoras tecnoloxías de conxugación da multinacional helvética, para crear novos anticorpos conxugados a fármacos (ADC). Nesa liña, desenvolveranse novos ADC dirixidos fronte a antíxenos específicos de tumor para o tratamento de enfermidades oncolóxicas con necesidades clínicas non cubertas, incluídos os tipos de tumores que expresan HER2/HER3.
Estes anticorpos perfílanse como unha terapia prometedora na loita contra distintos tipos de tumores debido á súa capacidade para atacar e destruír células cancrosas de forma selectiva e, ao mesmo tempo, minimizar o dano aos tecidos sans. A terapia combina a precisión dos anticorpos monoclonais cos potentes efectos citotóxicos dos fármacos de molécula pequena, nunha poderosa sinerxia.
A carteira de proxectos de SunRock, cuxas instalacións se sitúan no Polo Sionlla, está a xerar unha gran expectativa entre as asociacións de pacientes, os principais hospitais e as empresas biofarmacéuticas. A Xunta de Galicia participa en SunRock a través do Fondo Galicia Innova Tech, FICC.