Inicio
Actualidade

Ao día!

20/06/2024

Impulsando a responsabilidade ambiental e social das empresas galegas

Comparte este artigo

Ata o 16 de setembro está aberta a convocatoria de apoios para estimular proxectos de desenvolvemento e mellora de factores ASG: ambientais, sociais e de gobernanza

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), vén de convocar unha liña de axudas destinadas á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento e mellora de factores ASG nas pemes (Ambientais, Sociais e de Gobernanza). A súa finalidade é o desenvolvemento e implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desfeitos, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso noutros procesos produtivos; e tamén aquelas actuacións dirixidas a desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza nas organizacións.

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

  1. Proxectos individuais nos que unha peme aborda medidas de impacto nos factores ASG, especificamente deseñadas ou desenvolvidas para o seu ámbito de actividade.
  2. Proxectos colectivos de simbiose industrial nos que un grupo de empresas (cun mínimo de tres firmas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda un proxecto ASG para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais ou propoñer actuacións de impacto social de maneira conxunta. A simbiose industrial facilita o impacto social, o intercambio de enerxía, materiais, auga e subprodutos para pechar os ciclos de materiais e enerxía, maximizar o uso de residuos e minimizar o uso de materia prima.

Os proxectos propostos, tanto na modalidade individual como colectiva deben dirixirse a cumplir preto dunha vintena de obxectivos que se agrupan en 4 tipoloxías: globais, ambientais, sociais ou gobernanza

Na tipoloxía global atópanse medidas como a auditoría e avaliación de riscos ASG ou a consultoría e certificación de empresa B Corp (estándar que acredita o compromiso das empresas por xerar un impacto positivo na sociedade).

No apartado ambiental figuran obxectivos de redución do consumo de recursos no proceso produtivo (eficiencia enerxética, pegada de carbono, reutilización de residuos…) e obxectivos vinculados á análise do ciclo de vida do produto (incorporación de criterios de sustentabilidade nas compras ou implantación de estratexias de deseño sustentable).

Na categoría de obxectivos sociais, a convocatoria contempla medidas relacionadas coa diversidade e a inclusión (elaboración de plans de fomento dun contorno de traballo inclusivo e diverso, promoción da igualdade de oportunidades e da diversidade en todos os niveis da empresa); ética laboral (propostas de prácticas laborais xustas e éticas para asegurar condicións de traballo seguras e respectuosas); ou elaboración de programas de investimento na Comunidade (participación en actividades que beneficien ás comunidades locais, programas de educación, saúde ou desenvolvemento comunitario).

Finalmente, no eido da gobernanza, figuran aspectos vinculados á estructura das xuntas directivas, á transparencia financeira ou a ética empresarial.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e están abertas ata o 16 de setembro.

Tamén pode interesarche