Inicio
Actualidade

Ao día!

27/06/2024

Lambetadas saudables made in Galicia

Comparte este artigo

Con sede en Nigrán, Minimelis é a primeira fábrica galega de lambetadas, moi enfocada en gominolas funcionais con vitaminas, minerais ou extractos botánicos

En 2011, Mercedes Toscano e Jorge Núñez deixaron a súa Galicia natal e mudáronse a Chile. A pesar de traballar en áreas tan diferentes como a construción e a banca, en 2012 decidiron emprender e abriron unha tenda de lambetadas. A pesar dos inicios difíciles, en catro anos xa contaban con 25 establecementos en todo o país, tanto propios como franquías. 

En 2017, unha lei chilena contra a obesidade infantil influíu no enfoque do seu proxecto empresarial, levándoos a crear a súa propia marca para que cumprise cos novos requisitos. Así naceu Flipa, unha bolsa de 80 gramos cun 40% menos de calorías que as lambetadas tradicionais. Jorge Núñez investigou exhaustivamente a fórmula para adaptarse ao mercado e empezar a vender a súa propia marca.

O regreso a Galicia en 2019 foi crucial para consolidar a súa idea, adoptando un concepto innovador: lambetadas con vitaminas, sen azucre, sen glute, sen lactosa e sen proteína do leite. Tras estudar o mercado, comezaron a vender as lambetadas sen azucre Flipa en tendas especializadas e farmacias. A pandemia revelou a demanda de suplementos nutricionais, o que os levou á creación da súa segunda marca, Vitanolas, que tamén son lambetadas sen azucre pero con diferentes compostos como melatonina, vitaminas e biotina.

Con Flipa e Vitanolas establecidas e co apoio de programas como Vía Galicia e Galicia Avanza, os fundadores decidiron lanzarse a poñer en marcha unha fábrica de lambetadas en Nigrán. Desde o primeiro momento o seu obxectivo era controlar o proceso completo, incluíndo a fabricación propia, desde a selección de materias primas, control de todos os procesos, envasado e distribución.

Nace así Minimelis, un nome que busca identificarse co primeiro proxecto pero coa intención de dar un paso adiante. A fábrica permitirá seguir fabricando lambetadas sen azucre e desenvolver novos produtos con ingredientes naturais, autóctonos de Galicia, como as agallas dos carballos con propiedades antiinflamatorias. No próximo mes de xullo contan con que estea 100% operativa, cunha capacidade de produción de 13 toneladas mensuais

Más de 10 anos despois da súa creación, evolucionaron cara a un concepto de lambetadas máis saudables. O seu obxectivo é que consumir un medicamento sexa unha experiencia agradable, similar a gozar dun doce da infancia. O seu equipo de I+D está centrado en desenvolver novas formulacións buscando ingredientes que poidan achegar beneficios a persoas con diferentes doenzas ou mesmo previlas.

Tamén pode interesarche