Guías
ALBERGUES TURÍSTICOS
Son obxecto deste catálogo os albergues turísticos entendidos como os establecementos que ofrecen aloxamento por praza, maioritariamente en habitacións de capacidade múltiple, con ou sen servizos complementarios.
En función das súas características os albergues clasifícanse en tres categorías, albergues de primeira, de segunda e albergues de peregrinos do Camiño de Santiago.
Quedan excluídos deste catálogo:
- Os albergues de peregrinos de titularidade pública.
- Os albergues xuvenís integrados na rede de albergues de xuventude.
- Os establecementos dedicados a aloxamentos en habitacións colectivas por motivos escolares, docentes ou sociais.
ANTES DE INICIAR OS TRÁMITES…
Antes de iniciar os trámites resulta recomendable que a persoa promotora solicite un informe previo á área provincial da Axencia de Turismo de Galicia onde vaia radicar o establecemento para comprobar o cumprimento dos requisitos mínimos necesarios.
Para iniciar unha actividade de posta en marcha dun albergue turístico é necesario presentar unha declaración responsable, por parte da persoa promotora, na que se manifeste o cumprimento dos requisitos previstos na normativa turística para a clasificación pretendida e o compromiso de mantelos durante o tempo de vixencia da actividade. Esta declaración habilita para o inicio da actividade desde o día da súa presentación e implica a inscrición de oficio do albergue no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia
Posteriormente a administración realizará os controis e a inspección necesarios relativos á veracidade dos datos declarados e emitirá a resolución que corresponda.
Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia.
Decreto 48/2016, do 21 de abril, polo que se establece a ordenación dos albergues turísticos.