
Ao día!

A industria forestal galega na senda verde
O sector madeireiro galego postúlase como un motor estratéxico para o desenvolvemento económico e sostible do ámbito rural. As cifras alcanzadas en 2021 mostran a súa tendencia á alza, conseguindo os 9,9 millóns de metros cúbicos de talla de madeira industrial e 2.500 millóns de euros de facturación.
Os datos falan dun sector clave para acadar unha Galicia máis verde, xa que a madeira é unha materia prima renovable, biodegradable e que está a gañar novas aplicacións. Proba diso é que, no último ano, aumentou a construción en madeira e os novos produtos de biomasa para uso industrial e para a construción. O exemplo máis representativo atopámolo nos paneis contralaminados, que cada vez se utilizan con maior frecuencia, como alternativa sostible ao formigón.
Unha axenda sostible
Segundo a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) da Xunta de Galicia, o 50% da madeira que se corta en España procede dos montes galegos e a cadea de valor forestal-madeira representou en 2020 o 12% do emprego industrial galego. Un contexto que sitúa ao sector no centro dunha axenda de desenvolvemento, cuxos piares consolidan un modelo de crecemento máis verde e sostible.
Para o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, a nova Axenda de impulso á industria forestal 2022-2024, que contará con 55,5 millóns de orzamento, nace da conciencia colectiva de todas as partes implicadas, “para dar o salto de calidade a nivel de competitividade, diversificación, sustentabilidade e formación”. O anterior conseguirase implementando programas formativos que melloren a cualificación profesional dos traballadores e impulsando a continua actualización, a través do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS Madeira). Con este novo plan, ademais de beneficiar a 700 empresas en tres anos, tamén se incentivarán novos usos da madeira e se dará promoción á transformación do sector.
De feito, nun escenario cada vez máis competitivo e eficiente á hora de optimizar o uso de materias primas, Galicia, a novena potencia europea na industria forestal, conta con alcanzar grazas a esta axenda a mobilización de 140 millóns de euros para modernizar o sector e conseguir os 25.000 empregos en 2024.
Diversificación e economía circular
A construción, o deseño e o téxtil son algúns dos sectores nos que a Axenda de impulso á industria forestal 2022-2024 centra os seus obxectivos en materia de diversificación. Unha liña de actuación coa que concorda o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, que defende a versatilidade deste material e as súas diferentes solucións no ámbito da construción.
Neste contexto e na súa aposta polo uso da madeira nun modelo de construción máis sustentable, a Xunta de Galicia xa aprobou 1,6 millóns de euros en axudas destinadas a 89 vivendas e 19 locais comerciais. Ademais, o responsable autonómico considera a madeira como un elemento básico para a economía circular, “tanto pola sustentabilidade do seu propio proceso produtivo como por ser un material renovable”.
Proxectos tractores candidatos aos fondos Next Generation
Unha das materias primas máis importantes na transición verde é a madeira, polo que o Goberno galego considera que o sector é estratéxico para presentarse aos fondos europeos Next Generation. Entre os proxectos candidatos destaca o Tech Madeira, que pretende crear unha planta piloto de novos materiais sostibles derivados deste material que se poidan aplicar en sectores como o naval, téxtil ou a automoción, entre outros. A candidatura tamén inclúe iniciativas de dixitalización e de construción con madeira autóctona.
Pero se hai un proxecto vinculado ao forestal e que sobresae na candidatura galega aos fondos europeos de recuperación, ese é a fábrica de fibras téxtiles. O proxecto de Altri, en Palas de Rei, suporá un investimento de algo máis de 800 millóns de euros e a creación de 2.500 empregos directos e indirectos.