
Ao día!

A Cidade das TIC
A dixitalización e o uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) experimentaron un aumento sen precedentes durante os últimos dous anos, sendo un dos sectores clave para superar as consecuencias económicas da pandemia.
Con esta situación abriuse un novo escenario de oportunidades, acelerando os procesos de investimento en innovación e posicionando ao sector TIC á cabeza na lista de prioridades para o ámbito empresarial. Tanto é así que, na súa aposta pola dixitalización do tecido empresarial, Galicia contempla o desenvolvemento tecnolóxico e a sustentabilidade como eixos transversais nos diversos programas para a transformación do seu modelo produtivo.
Unha mostra do anterior é o impulso ofrecido para a creación da Cidade das TIC na Coruña, que suporá, segundo o presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, “un escaparate continuo de solucións dixitais para os sectores económicos, así como da innovación universitaria e de centros tecnolóxicos.”
Proxecto sostible e innovador
A Cidade das TIC é unha iniciativa promovida pola Universidade da Coruña e o Clúster TIC de Galicia e conta co apoio da Xunta de Galicia.
As instalacións, de máis de 128.000 metros cadrados, están situadas na antiga fábrica de armas da Coruña, e o seu proxecto de rehabilitación segue os maiores estándares de sustentabilidade. A proposta arquitectónica, promove a eficiencia e o respecto polo medio ambiente.
O proxecto contempla máis de 10.000 metros cadrados de aparcamento e transporte directo coa cidade. Tamén inclúe espazos variados, desde pequenas oficinas ata edificios completos. Ademais, conta coa instalación dun centro de formación universitaria especializado, un centro de investigación en I+D TIC e unha aceleradora e incubadora de alta tecnoloxía.
Para os seus promotores, é un exemplo de colaboración público-privada que xa dispón de aportación da Xunta de Galicia, a que a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) contribúe con 4,8 millóns de euros para a posta en marcha do Centro de Servizos Avanzados TIC. Este albergará diferentes laboratorios de intelixencia artificial e outras tecnoloxías que permitirán ás empresas crear e probar os prototipos dos seus proxectos.
Tamén se instalará aquí o Galaxy-Lab, un laboratorio de experimentación do Instituto Tecnolóxico de Galicia con drons que, segundo o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, “contribuirá a impulsar a pegada industrial de Galicia e a atraer investimentos de empresas interesadas no desenvolvemento tecnolóxico”. Esta iniciativa (de 1,1 millóns de euros) tamén conta coa colaboración da Xunta de Galicia, alcanzando así o 85% do orzamento comprometido ata o momento.
O sector TIC galego: entre os 5 primeiros a nivel estatal
O parque empresarial galego acollerá un dos polos TIC de innovación tecnolóxica referente tanto en España como no ámbito internacional. É por iso que xa se estableceron contactos con países estratéxicos como Colombia, poñendo en marcha un grupo de traballo para explorar novas vías de colaboración neste campo.
Galicia é unha das comunidades que conta con maior número de empresas tecnolóxicas en España, en concreto suma máis de 3.800 compañías, o que a sitúa na quinta posición da clasificación estatal. Ademais, o sector TIC galego representa o 2,8% do PIB autonómico e o 3,3% das exportacións, o que indica a boa saúde que atravesan as TIC galegas. Segundo o presidente do Clúster TIC de Galicia, a tendencia segue á alza xa que, malia estar “na punta histórica de emprego no sector, a demanda parece non ter fin”.