
Ao día!

Artesanía de Galicia, un selo de calidade
A comunidade galega foi unha das primeiras en España en crear a súa propia marca de artesanía. O obxectivo era aumentar a competitividade do sector no mercado nacional e internacional, a través da homoxeneización da imaxe e o cumprimento de altos estándares de calidade.
No ano 2000, a Xunta de Galicia adoptou o modelo, convertendo a Artesanía de Galicia nun selo oficial, competitivo e recoñecido como certificación de prestixio. Con identidade propia, a marca paraugas dos artesáns galegos identifica o traballo de 789 talleres de artesanía, que realizan 88 actividades.
Para a xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, “os datos son moi positivos, xa que desde 2014, o 50% dos novos talleres rexistrados responden ao perfil de novos talentos”. Fabeiro considera que a súa incorporación enriquece o tecido artesanal galego con novas competencias, disciplinas e visións de negocio, “ademais de impulsar a innovación en todos os niveis e contribuír á renovación do sector”.
Diversificación e colaboración
Un dos proxectos de referencia impulsados pola Xunta de Galicia é Enredadas, unha iniciativa que desde 2012 promove a diversificación do traballo das redeiras galegas, co obxectivo de conseguir novas oportunidades de negocio. A través da formación especializada, as artesás poden introducirse en mercados como a moda, a decoración ou os complementos, incluíndo nos seus traballos, altas doses de creatividade e vangardismo. Segundo a xerente de Artesanía de Galicia, esta actuación “aposta pola sustentabilidade e pola economía circular”, así como fomenta a incorporación de novas xeracións a unha actividade de gran tradición histórica.
Outra das actuacións distinguidas da marca galega é o plan Artesanía no prato, creado en 2013 para establecer sinerxías entre o sector artesanal e a gastronomía. O obxectivo é que a artesanía ofreza soportes únicos e diferenciados para “vestir os pratos e conseguir que os produtos gastronómicos brillen”. Desta maneira, lógrase unha experiencia sensorial coherente e que ademais posiciona calidades como a exclusividade ou o valor engadido do servizo. En maio de 2021, o proxecto foi seleccionado como exemplo de boas prácticas no programa europeo Crafts Code e incluído na plataforma dixital de políticas formativas do Interreg Europe.
Comercio de proximidade
Consciente de que os talleres de artesanía e os establecementos nos que se comercializan os artigos feitos a man supoñen unha parte importante do comercio de proximidade, o Goberno galego impulsou en 2022 un programa de axudas valorado en 6 millóns de euros. Con el preténdese promover a transformación dixital e a modernización do sector artesán e do comercio local con menos de 20 traballadores.
Nesta liña, tamén se puxo ao dispor dos artesáns galegos un programa de axudas para o fomento da comercialización da Artesanía de Galicia dotado con 265.000 euros.
Corazón da Artesanía
Unha das citas obrigadas e máis importantes do sector artesanal galego é a feira Corazón da Artesanía, que se celebra anualmente no conxunto histórico-artístico dos Pendellos, en Agolada (Pontevedra).
No 2022 o evento chega á súa IX edición e faino consolidando un modelo único e renovado que supón un dos mellores escaparates do traballo de Artesanía de Galicia.
Do 8 ao 10 de xullo contará coa participación de 57 artesáns de 27 oficios diferentes e 31 expositores de alimentación; así como música, gastronomía, talleres participativos e actividades de formación.