
Ao día!

Coplant, éxito no sector primario baseado na dixitalización
Coplant Galicia é unha empresa que se atopa ao sur de Pontevedra, en Tomiño, e que se constituíu no ano 2004 como iniciativa dos viveiros da zona do Baixo Miño.
A firma acomete de forma conxunta a comercialización dos seus produtos en mercados onde por distancia, cultura, descoñecemento ou política de lote non fosen competitivos individualmente. Ten clientes en España, Portugal, Francia, Gran Bretaña, Bélxica, Italia ou Holanda.
O que fai de Coplant un caso de éxito é que fosen capaces de aplicar a dixitalización ao sector agrario, o que lles supuxo un gran crecemento con 250 empregos directos e unha facturación de 12 millóns de euros en 2021.
Un dos seus logros, segundo explica o xerente de Coplant, Emilio Estévez, é “aplicar un just in time nun sector como o agrario no que non existía esta cultura”. “Comprar e vender o menor lote posible no menor tempo posible -resume-, o que supón un proceso de desestacionalización e adaptar os procesos loxísticos e de cultivo cun sistema de información áxil, flexible e eficiente”. Conseguiron enviar un lote o máis pequeno posible a calquera punto da Península Ibérica en só 72 horas.
A empresa aglutina a catro viveiros do Baixo Miño que producen o 94% da planta ornamental que comercializan. Estévez indica que a política de lote mínimo de compra e lean manufacturing se revela como altamente competitiva nun sector no que a mortaldade da planta, así como as súas variacións temporais, son factores fundamentais para controlar á hora de atopar rendibilidade nas empresas.
Dende o inicio apostaron por proxectos de dixitalización da man de Feuga, a Universidade de Vigo e a start-up Alia Technologies. Aseguran estar “orgullosos” de crear emprego tecnolóxico en Galicia dende o sector primario.
Contaron coa axuda da Xunta dende o inicio. No ano 2010 puxeron en marcha unha plataforma tecnolóxica intelixente de xestión avanzada para produtores de planta ornamental de Galicia: unha ferramenta para poñer en común os viveiros produtores, os delegados comerciais de Coplant e os seus clientes.
En 2016 suman o proxecto OC Plant, que inclúe ferramentas TIC para o soporte do OPEN COST no sector da planta ornamental. Esta iniciativa permitiulles calcular os custos produtivos e chegar ao mercado co prezo máis competitivo posible.
Planificar o cultivo en función da demanda
Un dos seus proxectos estrela foi Market & Stocks, que supuxo o desenvolvemento dunha ferramenta intelixente de mercado para a predición de stocks futuros de plantas ornamentais. Grazas a ela poden planificar o cultivo en función da demanda. “Unha das claves do éxito da comercialización da planta ornamental é a asociación directa entre os viveiros produtores e a estrutura empresarial tecida ao seu redor para desenvolver estratexias de mercado”, expón Estévez.
Co fin de adecuar a produción á demanda crearon un paquete de ferramentas para establecer un seguimento detallado do mercado, estudar que se demanda, o tipo de produtos, as datas, etc. Agora contan cun módulo de reservas a varios anos vista e cun sistema de apoio á toma de decisións sobre a cadea de subministración.
A iniciativa supuxo a creación dunha ferramenta de crecemento empresarial tanto a nivel técnico como económico, así como a consolidación da actividade rural dos produtores de planta ornamental coa mellora da xestión da cadea de subministración e o crecemento sostible en mercados exteriores.
O proceso de dixitalización de Coplant continúa. Buscan financiamento para o proxecto Composable Plant, unha ferramenta de integración, xestión e comunicacións no subsector da planta ornamental de Galicia co que seguir avanzando na unificación de procesos e que lles permita a integración con provedores non socios cos que facer fronte á escaseza de produto.