Inicio
Actualidade

Ao día!

11/08/2022

Entrevista a Sara Varela, investigadora Distinguida do programa Oportunius da Xunta de Galicia, adscrita ao CIM da Universidade de Vigo

Comparte este artigo

“O programa Oportunius é moi importante para poder retornar a Galicia e traballar con recursos semellantes a grupos científicos situados en países líderes no campo da investigación”

Grazas ás axudas do ERC (Consello Europeo de Investigación) e ao programa Oportunius, a investigadora volveu de Alemaña para desenvolver o seu proxecto sobre as interaccións entre xeografía, clima e vida contribuíndo a que o talento científico quede en Galicia.

Conseguiu unha das bolsas Starting Grant do Consello Europeo de Investigación sobre as interaccións entre xeografía, clima e vida. Que obxectivos se marca o proxecto e que supón contar coa axuda do ERC para poder levalo a cabo?

O obxectivo é conseguir estudar os procesos evolutivos no seu contexto espacial. Normalmente, estudamos como cambian as especies no tempo, pero esquecemos entender o contexto espacial onde suceden estes cambios. MAPAS é un proxecto moi ambicioso, e sería imposible de abordar sen unha axuda a longo prazo, como son as axudas do ERC.

O programa Oportunius permite atraer e reter talento investigador de primeiro nivel, que condicións hai que cumprir para optar a estas axudas e que papel xogou conseguilas na súa volta a Galicia?

O programa Oportunius complementa á axuda do ERC cun contrato para o investigador principal do proxecto, que se pode estender se a investigación vai dando resultados. A condición que piden é ter una axuda ERC, pode ser unha Starting Grant, Consolidator, Advanced ou Synergy. O programa Oportunius é moi importante para poder retornar a Galicia e traballar con recursos semellantes a grupos científicos situados en países líderes no campo da investigación, como pode ser Alemaña agora mesmo. 

Cales son as relacións que se establecen con outros investigadores de primeiro nivel de fóra de Galicia?

A ciencia é global. Aínda que estamos traballando en Galicia, o que facemos ten repercusión a nivel mundial, e por iso colaboramos con científicas e científicos de todo o mundo. A lista é moi ampla, agora mesmo estamos empezando diferentes liñas, e cada persoa do grupo ten as súas redes de colaboracións. Traballamos con persoas de Alemaña, Reino Unido, Estados Unidos, Francia, Brasil, Austria, Bangladesh, Italia, Suíza, Portugal... Recentemente escribíronme para revisar una tese dunha investigadora predoutoral de Nova Zelandia. 

O programa Oportunius funciona nunha dobre dirección: facilita a estabilidade para os investigadores galegos de primeiro nivel e atrae outros investigadores excelentes de fóra de Galicia. Como repercute isto nos proxectos que están a desenvolver?

Contar cun programa como Oportunius axuda a poder traballar en igualdade de condicións que outros equipos que están situados en países que invisten máis recursos en investigación. Os países deben investir en entender e estudar os retos do seu tempo para mellorar a vida das persoas. Neste sentido, o programa Oportunius complementa outras axudas, como as do ERC, para producir ciencia de máxima calidade no noso país. 

Como beneficia á comunidade científica poder reter todo este talento na nosa Comunidade?

Poder formar equipos internacionais con investigadores punteiros nas súas disciplinas ao longo prazo axudará a que Galicia poida ter unha estrutura empresarial competitiva e non se quede atrás afrontando os retos do noso tempo.

Tamén pode interesarche