Inicio
Actualidade

Ao día!

06/10/2022

Concellos Emprendedores, un valor engadido para captar novos investimentos para Galicia

Comparte este artigo

O número de concellos adheridos á iniciativa non deixa de medrar desde a súa implantación no 2018

A Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) firmaron en outubro de 2017 un protocolo de colaboración para a creación da iniciativa Concellos Emprendedores. Para adherirse, os municipios deben comprometerse a proporcionar ás empresas as seguintes vantaxes: más incentivos fiscais, máis simplificación administrativa e máis facilidades de acceso a solo industrial.

Evolución positiva da iniciativa e porcentaxe de adhesión

A iniciativa Concellos Emprendedores leva adheridos 153 municipios desde que se puxo en marcha no exercicio 2018. Pódese afirmar que case a metade dos concellos galegos forman parte desta iniciativa, o 49% do total.

De feito, desde 2018 o número de participantes incrementouse nun 35%, pasando dos 113 concellos adheridos nese ano, aos 153 concellos rexistrados a setembro de 2022.

Se se agrupan os concellos galegos en tres tramos de poboación: ata 5.000 habitantes, de 5.001 a 20.000 e de máis de 20.000 habitantes, a maior porcentaxe de adhesión rexístrase nos municipios máis poboados.  

Concretamente, acádase unha porcentaxe de adhesión por tramo poboacional dun 49% nos concellos máis pequenos, un 47% nos de poboación intermedia e dun 52% nos concellos que contan con máis de 20.000 habitantes.

Fonte IGE: Padrón municipal de habitantes. Elaboración propia

A Oficina Doing Business xestiona e promociona a iniciativa

A promoción e xestión desta iniciativa correspóndelle á Oficina Doing Business en Galicia, unha unidade que realiza actividades dirixidas a difundir os Concellos Emprendedores co fin de acadar novas adhesións ao Sistema de Atención ao Investimento (SAI). Concretamente, a páxina web Oficina Galicia Empresa dá a coñecer as vantaxes que adquiren os concellos participantes e facilita a súa adhesión ao sistema.

Se ben a función de xestión e promoción constitúe unha das competencias asumidas pola Oficina, desde esta unidade considérase necesario dar un paso adiante e iniciar unha liña de traballo dirixida a analizar o impacto económico que está a supor o desenvolvemento desta iniciativa nos diferentes ámbitos territoriais, comparando os resultados dos concellos participantes con respecto aos concellos non adheridos.

O obxectivo da análise será coñecer o grao de implantación da iniciativa en Galicia e ver de que modo a adhesión dun concello pode constituír, ou non, unha vantaxe comparativa para a constitución dun maior número de iniciativas empresariais nos municipios.

 Concellos Emprendedores: elemento potenciador da implantación de empresas

Esta análise permite achegar un dato moi significativo; o ritmo de crecemento do número de sociedades constituídas ao peche do 2021 é mais intenso nos Concellos Emprendedores que nos territorios que non teñen tal condición.

Un 23,77% de subida interanual do ritmo de constitución de sociedades nos Concellos Emprendedores, fronte a un 22,40% no resto dos territorios. Unha vantaxe comparativa de 1,37 puntos porcentuais.

Fonte IGE: BORME datos anuais. Elaboración propia.

 Perfil tipo dos Concellos Emprendedores con mellores resultados

Partindo deste dato global positivo, se se desagrega a análise por tramos poboacionais e se analizan os resultados pormenorizados a nivel municipal, poderíase definir un perfil tipo para os Concellos Emprendedores que acadan un maior impacto económico no territorio. De feito, os mellores resultados concéntranse en municipios de tramo poboacional intermedio, que contan con áreas empresariais desenvoltas e/ou están próximos a zonas metropolitanas. 

Como resultado desta análise podemos concluír que a adhesión á iniciativa Concellos Emprendedores proporciona aos municipios un valor engadido que pode chegar a condicionar a implantación de novos proxectos empresariais, especialmente nas localidades que pertencen a tramos de poboación intermedia. En calquera caso, o éxito desta iniciativa vén determinado pola existencia de áreas empresariais fortes e infraestruturas loxísticas que faciliten a entrada de subministracións e o envío dos produtos elaborados, circunstancia que se ve favorecida pola proximidade a áreas metropolitanas.

Tamén pode interesarche