Inicio
Actualidade

Ao día!

11/10/2022

Entrevista a José Senande, CEO de oSIGris

Comparte este artigo

“Axudamos a empresas de tamaño pequeno-mediano do sector primario a dar o empuxón na transformación dixital”

Conversamos con José Senande, CEO de oSIGris, sobre a importancia da dixitalización no sector primario galego, en liña cos obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, e o que lle proporcionou o seu paso pola aceleradora BBFood.

Que é oSIGris?

Osigris é unha empresa creada no 2018 co obxectivo de facilitar a dixitalización ao sector agrícola e gandeiro. Para iso, creamos unha plataforma con app móbil e web, coa que dixitalizar o día a día das explotacións e cumprir cos requisitos legais.

A quen está destinada a solución que creastes de agricultura de precisión?

A nosa ferramenta pola súa versatilidade e capacidade de conexión en tempo real está dirixida tanto aos agricultores, como aos técnicos e ás propias cooperativas. Centrándonos moito na pequena e mediana empresa.

Que aplicacións prácticas ten o voso software?

A principal aplicación práctica é o caderno de campo. Por lei, todos os agricultores teñen que encher un caderno de campo no que deben de apuntar as accións realizadas na súa explotación.

A información para introducir son as súas parcelas, cultivos, maquinaria, etc.. Sendo de especial importancia os tratamentos fitosanitarios e fertilizantes que realizan, para os que oSIGris dispón dunha táboa interactiva que indica en que condicións deben realizarse os tratamentos.

 A maiores, está prevista a publicación dun Real Decreto que obrigue a realizar o caderno de campo de maneira dixital, e por suposto, oSIGris, será unha das ferramentas coas que se poderá realizar, porque xa estamos a traballar na conexión co Ministerio.

Que implantación conseguistes no mercado?

Aínda que o proxecto nace en 2018, oSIGris non lanzou o seu primeiro produto comercializable ata mediados de 2020, nese momento comeza a fase de comercialización.

En apenas 2 anos desde que comezamos a comercialización oSIGris xa captou máis de 60 clientes, entre os que destacan grandes grupos nacionais como o Grupo AN.

Aínda que sen dúbida, onde maior implantación e benvida tivemos foi no territorio galego, sendo o software de referencia en dixitalización de compañías como Horsal ou Cooperativa Xallas.

Ofrecedes unha aplicación gratuíta, en que consiste entón o modelo de negocio?

OSIGris ofrece diversos módulos. Ao rexistrarse ofrecemos unha proba gratuíta, pero para unha completa dixitalización das explotacións é necesario a contratación da versión Premium.

O noso modelo de negocio baséase nas subscricións recorrentes que achegan os nosos clientes para a utilización do software.

Como axuda a un emprendedor formar parte da aceleradora BFFood?

A BFFood consideramos que é un apoio moi importante para calquera empresa na súa fase inicial. No noso caso, achegounos unha gran formación empresarial, con diversas xornadas impartidas por expertos, ademais de mentorización por parte de empresas líderes do sector.

En que estado está a dixitalización do sector primario e como colabora unha pequena empresa como a vosa en mellorar esas cifras?

O sector primario, pola súa natureza, cremos que é dos sectores aos que máis lles está custando realizar a famosa transformación dixital.

Empresas como oSIGris, coas súas solucións, a súa dedicación e o trato persoal, axuda en moitos casos a empresas de tamaño pequeno-mediano a dar ese empuxón na transformación dixital.

Contades cunha axuda da Xunta, que vos vai permitir este apoio?

A axuda concedida pola Xunta supuxo un apoio principal no desenvolvemento do noso plan de empresa, xa que nos permitiu continuar desenvolvendo o produto principal, oSIGris, mediante novos módulos e funcionalidades.

Tamén nos permitiu o desenvolvemento de dous novidosos algoritmos para a predición de enfermidades e para a predición de colleitas que estarán operativos a finais de ano.

E ademais permitiunos crear unha nova marca, chamada ROVIGUS, que se centra no procesamento da información a través de mapas visuais e estatísticas, principalmente dirixida a grandes corporacións.

Cales son os plans de futuro da empresa?

Os plans de oSIGris son continuar co crecemento constante que tivo ata o de agora, afianzándose como o software de referencia en Galicia, e ir conquistando cada vez máis territorios de todo o territorio nacional.

Ademais, para o ano 2024 estamos estudando unha posible internacionalización enfocada nun primeiro momento nos países latinoamericanos.

Tamén pode interesarche